NO SAN XUSTO
Carballeira do San Xusto
carballeira derramada.
naquela carballeiriña
perdín a miña navalla.
Nestes primeiros días do outono visitei a carballeira da popular copla, facía tempo que non me achegaba ata ese lindo lugar. Lonxe quedan xa os tempos da mocidade, nos que adoitabamos acudir, o cinco ou o seis de agosto, en horario nocturno, á festa dos nenos mártires de Alcalá de Henares: San Xusto e San Pastor que son venerados na ermida que se atopa no comezo da carballeira, e aos que acoden os devotos para solicitar saúde e moderación contra os arrebatos de maldade.
Á carballeira, sita na parroquia de San Xurxo de Sacos -Concello de Cotobade-, tense acceso por unha estrada de forte pendente, que conduce ata a mesma orela do río Lérez. A medio camiño, ubícase este fermoso sitio, non fai moito tempo disputada a súa tituilaridade polos veciños e a Igrexa.
A ermida, cun portico e non lonxe un cruceiro, posúe un gran encanto, que se acrecenta pola situación do lugar, un remanso no medio dunha costa moi pina que continúa ata o Río, que deixara de selo cando entregue as súas augas ao mar na Boa Vila.
Damos un paseo pola Carballeira, case chaira, loce espléndida, maxestosa... Mais os carballos non están derramados, presentándose, nesta época, con toda a folla, amosando unha frondosidade infinda que semella convidar, en día tan apracible, a uns intres de acougo e a usar as mesas, alí existentes, para unha merenda ou faladoiro en leda compañía.
Hai anos fíxose, na súa contorna, unha plantación de castiñeiros que hoxe atopamos cos ourizos xa regañando, para ofrecernos as castañas que alá polo once de novembro, de non ser antes, farán bo o refrán: Polo San Martiño, castañas e viño.
Logo do paseo pola carballeira, decidimos, a miña Dona e Eu, facer a baixada ata o Río, que neste tramo do seu curso flúe encaixado entre as dúas vertentes, amosandonos, nesta época do ano, un baixo caudal, acentuado pola seca que no estío nos acompañou. Para salvar a forte costa, decidimos facer o primeiro tramo no vello Ford e cubrir a pé os derradeiros metros. Xa ao seu carón manan unhas augas sulfurosas que, segundo aseguran, son man de santo para certas enfermidades da pel. Neste lugar houbo un pequeno balneario e a súa sona foi grande, mais hoxe as pequenas instalacións atópanse en deplorabe estado, froito da destrución dos vándalos; aínda así, un cliente sentado baixo os plátanos, recolle os seus trastes para o regreso.
Tamén nos seus arredores puidemos observar, os vestixios que perduran dunha fábrica de electricidade e algúns muíños de auga abandonados, ambas construcións rodeadas dunha exuberante vexetación, que en día tan calmo e ollando o camiñar maino das augas, o salto dalgunha troita e o rechouchío dalgún paxaro, invitaban ao repouso e a meditación. Sen dúbida lugar idóneo para algún ermitán...
Ah!... Volvendo á carballeira non atopei para nada a navalla da copla. Quizais nisto, coma noutras cousas haxa que seguir buscando...
1/10/2016
rafadcg@r.gal