NOMES PROPIOS

Hoxe, 22 de setembro, segundo nos anuncian os xornais, remata o estío no hemisferio boreal, e, comezamos a prepararnos, dende xa, para a mudanza de cores que acompañan a esta estación onde os ocres, en todas as súas gamas, levan a palma. Será, pois, o primeiro día do outono, este 23 do mes de San Miguel, o que me lembra a festividade de Santa Tegra, aquela seguidora de San Pablo, que se salvou de milagre da morte en varias ocasións e venerada no concello da Garda, onde dá nome a todo un castro, o do monte que leva o seu nome.

Mais, non é o outono o que hoxe atrae a miña curiosidade, senón ese nome de Tegra ou Trega, co que soamente coñecín a unha persoa que tivera esa onomástica, e para iso nos anos da miña nenez. Tamén, isto dos nomes de persoas raros ou menos frecuentes, xurdiu estes días, pois ao longo destes últimos meses estou a traballar na tradución ao galego da novela: "Filomeno ao meu pesar", premio Planeta no ano 1998, do autor, nado e enterrado en Serantes, Ferrol (A Coruña): Gonzalo Torrente Ballester. Pois ben, pasado xa, o ecuador de tal obra e coñecidas moitas aventuras e desventuras do seu protagonista, "Ademar", que tamén con este substantivo xoga o autor, para narrar as andanzas do seu principal actor, chama a miña atención, a rareza, dos nomes propios asignados, cando menos a algúns dos figurantes na trama: Filomeno (amigo do canto), Ademar (de ad=nobre e mar=célebre), Romualdo (fundador da orde dos Camaldulenses), Clelia (heroína grega)... por citar algúns.

E digo nomes peculiares, pois non se asemellan aos que se asignan aos nados na actualidade, e distan tamén moito dos que durante a miña infancia nos atribuían os nosos proxenitores, dos que coñecín nos meus anos de docente e incluso se apartan moito daqueles que durante un tempo manexei nos libros de rexistro de: nacementos , casamentos e defuncións nun xulgado de Paz. Quizais, modas, influencias, crenzas, tradicións familiares, artistas, persoeiros famosos, etc. marquen un pouco as tendencias.

Tales substantivos propios, de persoas, incluído Tegra, transpórtanme aos primeiros anos da década dos sesenta do século XX, cando, estudante no Instituto masculino de Pontevedra, un profesor de francés, segredario por aqueles días: Don Antonio Lino, ao que recordo como: moi maior, alto, sempre cheo de frío, gravata e chaleco, acotío arroupado no seu gabán marrón, canas peiteadas cara atrás, cuns lentes de pasta tamén marróns, chupando caramelos, boa persoa mais con aspecto solemne, un tanto retranqueiro e cun costume peculiar, consistente en: Ao comezo do curso, cada día chamaba ao estrado a dous alumnos e, antes de entrar en materia, interrogábaos:

-E logo, vostede de onde é natural? (Ao que seguía algún comentario sobre algunha característica da parroquia ou concello).

-Eu son de Carballedo, concello de Cotobade. (Contestei o día da miña posta en escena)

-Home, de Carballedo!, bo lugar e mellor xente, mais alí atopei os nomes de persoas máis extravagantes dos que teño coñecemento.

E como para ilustrar o que afirmaba, acompañou exemplos: Risaura, Hermelinda, Agripina, Deolinda, Unilia, Enriqueta, Tegra... e penso que algún máis dos que xa no me lembro, todos eles coñecidos por min e que por aqueles intres considerábaos nomes normais, facéndome cavilar o feito de que todos eran de muller. Así como os nomeaba, eu íaos situando na parroquia: Risaura da Asperiña, Hermelinda da Cuqueira, Agripinsa de Sión, Deolinda da Raxeira, Unilia de Doade, Enriqueta da Igrexa, Tegra da Lomba. Máis adiante entereime de que, Don Antonio, veraneou algún estío en Carballedo. Tamén me fixo pensar na señora Risaura. Oh Risaura!, a miña veciña máis próxima, pois non volvín oír tal nome, poida que sexa unha deformación oral de Rosaura. Menos mal que, o meu mestre de francés, descoñecía os alcumes desa xente, algúns moi inxeniosos, outra das afeccións de Galicia, pois só era veraneante, senón teriamos para outro escrito.

Á cabeza de España, nos cen primeiros postos, non aparece ningún dos nomes amentados no escrito. Si o fai María Carmen, que figura de primeira. Virxe patroa do mar e da armada, de aí que moitas localidades costeiras a celebren, pero tamen é venerada en moitos pobos do interior. Haberá moito que felicitar alá para o dezaseis de xullo. Polo de pronto, deixemos nesta data os parabéns para as Tegras.

22/09/2017

rafadcg@r.gal