O ARNOIA

Baña terras dende a serra San Mamede, logo de nacer cerca de Rebordechao, no Concello de Vilar de Barrio, ata Arnoia, no encoro de Frieira, que lle da nome, onde entrega o seu caudal ao Miño pola dereita, logo de percorrer 84,5 Km., sendo o máis longo da provincia de Ourense. Citaremos como principais afluentes O Tioira e o Maceda pola esquerda e o Ourille e o Tuño pola dereita.

O seu discorrer polo Concello de Baños de Molgas fainos lembrar: -O santuario dos Milagres, rexentado polos PP. Paúis, que reune moitos devotos ao longo do ano e en especial polo oito de setembro. -A área recreativa, que a seu carón, loce en Baños de Molgas, así como -o afamado Balneario de augas termais que manan á súa beira nesta localidade. Aquí, en Baños de Molgas, terra natal do cómico e humorista Moncho Borrajo, poderemos visitar, o espléndido, Museo Fundación que leva o seu nome, situado na Estación de Ferrocarril.

Segue logo o seu andar ata Xunqueira de Ambía onde o agarda o Mosteiro de Santa María a Real, digno dunha parada no camiñar de calquera viaxeiro que por estas terras se atope. Neste Concello lembrámonos do Escritor Xosé Cid Cabido e do recentemente falecido, Elixio Rivas Quintas, irmán Paul, gran estudoso da Toponimia Galega e a quen tiven a sorte de coñecer e tratar durante os meus once cursos de Mestre no Colexio San Narciso de Marín (Pontevedra).

Achégase logo a Allariz, onde o seu discorrer pola localidade ten trato moi esmerado. Axudando a que esta bonita Vila, que recibiu o Premio Europeo de Urbanismo polo belo e ben conservado casco Histórico sirva de exemplo a seguir para moitas outras localidades. Conta esta Vila con varias igrexas das que mencionarei: A Igrexa de Santiago coa Virxe da Esperanza de Juan de Juni, o Convento de Santa Clara co Museo de Arte Sacra. O Parque Etnográfico do Río Arnoia, O Muíño do Burato, A Fábrica de Curtidos, O Museo do Tecido, O Museo Galego do Xoguete,son merecentes dunha visita..., a seis quilómetros o Santuario de Santa Mariña de Augas Santas poría colofón a unha andaina por estas terras.

Atravesa este Río as terras de A Merca, municipio con cinco castros, nel atopamos na parroquia de San Pedro da Mezquita unha igrexa declarada monumento nacional, ten orixe románica con elementos que levan cara o gótico. Ten un carnaval propio: Os galos da Mezquita e os Mecos de Forxás. Conta coa maior concentraión de hórreos de España. Un personaxe a citar: Albino Núñez Domingo (escritor, poeta e pedagogo). Este Río que cruza o Concello está representado na súa bandeira.

O seu paso polo munuicipio de Celanova, fai que nos lembremos na capital do Municipio de: A Casa dos poetas: Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro e Méndez Ferrín, do Castro celta de Castromao, así como do Mosteiro de San Salvador e da capela mozárabe de San Miguel. Nas cercanías da capital municipal a Vila de Vilanova dos Infantes conserva a Torre da Homenaxe, un moi interesante Cristo románico na Igrexa parroquial ou o santuario barroco da Virxe do Cristal do que Curros nos deixou constancia.

No Concello de Ramirás actua este Río como límite natural polo norte co municipio de Cartelle. Merece ser nomeada a Igrexa do Mosteiro de San Pedro de Ramirás.

Por Cartelle, amosa bonitos espazos naturais ao longo do seu curso así como algúnhas pontes antigas, destacando a ponte romana de Freixo, declarada Monumento Histórico en 1984 está incluída no "Inventario de pontes históricas de Galicia"

O Concello de Gomesende, fai de raia polo norte co xa mentado de Cartelle. Neste municipio atopamos dous santuarios: Nosa señora da Guía e nosa Señora do Val de Poulo.

Por Cortegada, ao norte de Zaparín forma o Río un interesante cañón de moito desnivel, servindo de límite nesa zona co Concello de Arnoia, derradeiro tramo do Río do mesmo nome.

En Arnoia, Concello coa capitalidade actualmente en Outeiro Cruz, o río verte as augas ao Miño, no xa mentado encoro de Frieira, logo de dividir o Municipio de SE a NO en dúas partes. Na confluencia do Arnoia e o Miño nunha excelente ubicación un balneario da pulo ao sector servicios. O cultivo da vide é importante neste Concello. A ponte de Oliveira sobre o Arnoia e a Área recreativa de As Poldras onde se pode ver un antigo muíño deben ser nomeadas.

rafadcg@r.gal

19/01/2023