O CAFÉ CASINO

Hoxe, co gallo da doazón á Fundación Gonzalo Torrente Ballester da tradución ao galego de "Filomeno ao meu pesar", volvín a Compostela. Como queira que a nomeada Fundación ten a súa sede na Rúa do Villar, á saída dirixímonos cara o nº 35, desta xenuina e antiga vía con soportais, que acolle dende 1873, este maxestoso local. Xa vai sendo un vezo, case unha visita obrigada en cada estancia en Santiago, que fai que por uns intres nos traslademos a outros tempos, cando menos distintos dos de hoxe.

Alí, comentando con Carme, as impresións da Fundación que acabamos de visitar, cun aperitivo a carón, tivemos aínda tempo, antes do xantar, para arrastrar a ollada por tan singular local, noutros tempos para socios e dende os primeiros anos deste século como café aberto ao público.

O primeiro andar, co nome de "Salón Amarelo" acolleu bailes e festas para socios en días sinalados, mais hoxe cerrado segundo nos informou un atento camareiro, atarefado naquel intre en deixar libres de po as patas das cadeiras. O baixo, rectangular alongado, sen columnas e teito moi alto - do que están penduradas tres lámpadas de madeira- propio doutras épocas, servizo de barra e retretes ao fondo, comunicados co gra salón por dúas portas máis pequenas; este espazo, ofrece dúas amplas fiestras á rúa, na que tamén existe servizo de terraza, hoxe coa bonanza do tempo ateigada. A súas altas paredes arrancan dende o mesmo chan cun revestimento de madeira rematado nunha métopa e, todo cun gran traballo de ebanistería, no que se van representando un gran número de escenas, figuras, escudos etc., obra de Magariños, un escultor de Santiago de Compostela, finado no primeiro terzo do século XX e ao que se deben, entre outros, o retablo -nogueira e castiñeiro-, púlpito e as catorce estacións da cruz da Basílica de Santa María en Pontevedra. Accedemos a través dun vestíbulo, que tamén dá servizo ao primeiro andar, onde unha porta con entrada lateral abre paso ao interior. Esta porta de madeira, con vistosas vidreiras e rematada con dez caras talladas, ofrece aos visitantes un bonito escaparate. Máis arriba unha greca de escaiola dourada e grandes círculos con abondoso ornato, igual que os espellos e os apliques nos que se representa a dous dragóns cun ser alífero no medio completan o perímetro das paredes. No centro, adosado a un lateral, á beira da cheminea, un piano no que a horas sinaladas se ofrece algún concerto, escoltado por dúas figuras femininas sobre unha peaña de mármore. A moblaxe con sofás forrados de tea, co lombo á parede nun dos laterais, están acompañados por cadeiras e mesas de madeira nuns recunchos, mentres que noutros amósanse tapizadas en coiro ou incluso con mesados de pedra. Tres fileiras de mesas ao longo do local, complementadas hoxe coa terraza exterior, en día tan apracible, totalmente repleta, dan idea da capacidade de tal local. O chan de madeira de vernizado parqué, moi acorde coa decoración, completa a súa personalidade.

Envólvenos unha sensación de sosego, de acougo, que nos fai matinar noutras épocas, non de tanta présa como as actuais, e imaxino, por uns intres, a Castelao facendo un debuxo do seu interior, a Torrente Ballester tomando uns apuntes sobre calquera retrinco de papel, a Valle Inclán ensimesmado con algún esperpento ou, sen ir tan lonxe, ao mesmo Don Ramón, o señor de Trasalba, paseando pola Rúa do Villar, arriba e abaixo, vindo do faladoiro do café Español, na mesma Rúa, ou logo de deixar no buzón a diaria carta á súa nai en tarde poallenta, protexido de paraugas e sombreiro...

De cando en vez, algún peregrino ou turista, cruza a Rúa, achégase para admirar o local, dispara a súa cámara e sen máis pide algo, ou simplemente, segue camiño á cercana catedral. Os uniformados camareiros, en negro con gravata morada, seguen os movementos dos clientes sen perder a discreción que require tal emprego. Á entrada, un moble serve de soporte a un bo lote de xornais e revistas a disposición dos usuarios; ao fondo unha pantalla reproducindo vídeos de tipo cultural; a máquina do café, a luz eléctrica, os radiadores da calefacción... quizais sexan os únicos elementos que nos fan saber que xa non estamos no século XIX.


rafadcg@r.gal

14/06/2018