O CRUCEIRO DO COLEXIO DE PRACERES

            Óllote, recortado sobre dous piñeiros, que se amosan maxestosos sobre un fondo de augas verdosas e ceo totalmente limpo e azul, dando sombra a unha placa de mármore puída, colocada sobre o pétreo muro, na que podo ler:

En lembranza dos Excmos. Srs. Don Avelino e Dona Dolores Montero Ríos. Fundador e benfeitora deste Colexio. Praceres 11 de Febreiro de 1918 - 1993.Son estes, fillos de Eugenio, o político galego, os que logo do pasamento do pai, fixeron unha primeira doazón de terreos ás relixiosas do Sagrado Corazón; esta doazón contiña as seguintes cláusulas: Debía funcionar como Colexio, a patroa da casa sería a Virxe de Lourdes e as fillas de Lourizán debían recibir educación e alimento de balde.

Podo albiscar, ao entrar no recinto, de fronte, unha imaxe do Sagrado Corazón, e, ás miñas costas outra imaxe, non moi lograda, da Virxe na gruta de Lourdes; máis á dereita amósase grandioso, detrás duna palmeira que fai de rotonda, o edificio, igrexa incluída, que penetra no mar, coma faro, para servir de guía dende case todos os puntos da Ría. Hoxe non é día lectivo, os merlos, pardais, rulas, gaivotas... percorren con descaro os anexos campos de deporte e fan compaña aos transeuntes que se achegan a visitar a Virxe.

Fito o cruceiro con atención, e de abaixo arriba contemplo:

Como sobre dúas peañas graduadas arranca o pedestal, cadrado e robusto, con arestas biseladas na parte horizontal superior e, un cuarto de bisel na vertical. Nunha das súas caras laterais figura a data, 1967.

O fuste, esvelto e encaixado na base, érguese lanzal, cadrado coma un metro, logo bisélanse as arestas para formar oito caras. O chapitel, circular na base e máis cuadrangular na cima, contén unha profusa decoración de motivos vexetais.

Sobre o chapitel, unha cruz cadrada, de biseladas arestas e máis ancha nos extremos dos brazos e na cima, soporta por un lado á Virxe Peregrina, ollando cara o camiño portugués a Santiago pola costa, que pasa preto da igrexa do Santo André de Lourizán, da que acada a ver a súa esvelta torre. A Virxe, cuberta cun manto, leva nun brazo ao neno Xesús e na outra man o bordón de peregrina, viste a súa cabeza cun clásico sombreiro do camiño. Na outra banda da cruz, Cristo crucificado e sobre el, na cruz, a faixa INRI. Este Cristo crucificado mira cara ao Colexio e ao mar.

A conservación é excelente, o acabado bo.

30/08/2016

rafadcg@r.gal