O FORNO

A nai vai cocer.

E fará un bolo.

Un bolo ha facer!

                                                                                                        Manuel María.

Hai uns días, de visita na casa onde nacín, miña irmá, Carmen, falou de gardar a leña na casa do forno, antes de que cheguen as choivas, como se fixo sempre dende que eu teño acordanza.

Esta construción, ao norte da vivenda, en fronte da cociña, acubilla ao forno, que lle da nome á casa, ademais dunha lareira, con moitos máis usos décadas atrás; a día de hoxe, pouco máis se emprega que para afumar os chourizos e a carne de porco colocados no canizo para tal fin. A matanza segue en vixencia, aínda que limitada a un único exemplar, lonxe dos tres marráns que se salgaban e afumaban nos meus anos mozos.

O forno, sustantivo central que da nome á casa, foi un elemento fundamental das vivendas labregas galegas ata preto dos anos oitenta do século XX, en que comeza o seu declinar para ir perdendo relevancia en proporción inversa ao aumento do nivel de vida das casas campesiñas e ao cambio experimentado nas formas de vida do rural galego, chegando a converterse, o seu uso, en algo extraordinario. A súa principal encomenda era cocer o pan, polo xeral, de millo con mestura de centeo; aproveitando o día da cocedura, que na miña casa tiña unha periodicidade quincenal, cocía tamén algunha empanada, bolos recheos de chourizo ou cun ovo dentro, que facía as delicias dos máis pequerrechos da casa.

Millo e centeo, logo de pasar polo muíño a recibir a moedura axeitada para facer o pan, regresaban á artesa ou maseira, onde unha vez peneirados, para apartar o farelo, eran mesturados na proporción adecuada, amasados co sal e co fermento e tapados de seguido para que leveden.

Horas antes, comezaba o quentamento do forno no que se empregaba todo tipo de leña, mesturada cun tipo de toxo chamado arnal ou bravo, áspero, con longas espiñas e chorimas amarelas, facíase unha escolla (o máis alto, o de talo máis leñoso) e cortábase con anterioridade, no camiño da Corredoira, para deixalo secar e así que ardese mellor. Cando a temperatura acadada é suficiente, a cor abrancazada da pedra avisará de que xa está no punto, procederase a varrer o forno cunha vasoira de xesta e, de seguido, coa axuda da pa, hai que enfornar. Ponse fin a esta tarefa coa colocación da porta, polo xeral de pedra, e co seu selado, con barro ou bosta fresca de vaca, para que o grao de calor se manteña.

Todas estas lembranzas acoden á miña mente no momento en que oio "a casa do forno", e fan que retroceda, cando menos medio século... Algo afastado queda xa o teu esplendor, os tempos nos que eras indispensable e posuías un valor fundamental para as familias da época... pois o pan noso de cada día era, e segue a ser, algo básico para mitigar a fame neste planeta noso. Con canto cariño te recordo hoxe, esquecido compañeiro da infancia. As teas de araña son as túas compañeiras, mais ti segues en pé, agardando por se foras preciso para cocer unhas petadas ou un bolo para algún meniño que así cantaría ilusionado.

A nai vai cocer.

Un bolo fará.

E nós a comer!

25/10/2016

 rafadcg@r.gal