O LÉREZ


Camiña dende a Serra do Candán, Concello de Forcarei, preto de sesenta quilómetros para entregar as súas augas ao longo da cidade de Pontevedra, tamén coñecida como a Boa Vila ou a Cidade do Lérez, ao Océano Atlántico.

Entre esas augas tan quedas

que son doces e saladas

e vidradas

que parecen de cristal,

Pontevedra ti te miras

e respiras

dobre céfiro vital.

Xoán Manuel Pintos.

Tamén da nome, este Río, á parroquia de Lérez ou San Salvador de Lérez, onde nos atopamos co Mosteiro de San Bieito ollando como se van fundindo nun maino abrazo as súas doces augas coas salgadas do mar, nese treito que abrangue aproximadamente ata a moderna e artificial praia fluvial de Monteporreiro.

Do norte está posto

o lindo convento

dos frades de Lérez

que está nun outeiro.

Frei Martín Sarmiento.

Neste tramo, final, a Boa Vila, atesoura, facendo honra do seu nome, un considerable número de pontes que nos permiten vadear dun lado a outro as augas do Río que nos ocupa, a saber:

A ponte da Autoestrada do Atlántico-AP-9-, ou ponte da ría.

A ponte da Barca, nome debido á barca empregada para cruzar de ourela a ourela antes da existencia de tal ponte.

A ponte das Correntes, a derradeira que se construíu na Cidade.

A ponte do Burgo, a máis antiga, por ela atravesa o camiño portugués a Compostela. Na actualidade é de uso peonil.

A ponte de Santiago, así chamada por ser neste intre a saída cara Santiago de Compostela, foi a encargada de recoller o tráfico cando se peonalizou a ponte do Burgo.

A ponte dos Tirantes, data de 1992, dá saída ao tráfico do norte da cidade, foi construído ao mesmo tempo o Palacio de Exposicións e Congresos, ponte de gran beleza, formando parte das 33 pontes máis excepcionais de España.

A ponte peonil, ou pasarela, que da acceso aos peóns cara a Illa das Esculturas.

A antiga ponte do ferrocarril, está a converterse nunha estructura de ámbito peonil e ciclista.

A ponte da Palabra que serve de unión entre o barrio de Monteporreiro e a parroquia de Lérez na parte máis ao norte da Cidade. Esta ponte tivo como madriña a Fina Casalderrei, docente, escritora e académica da RAG.

Polo Mosteiro beneditino de Lérez sentiuse, en tempos pasados unha gran admiración que quizais as xeracións presentes abandonamos. Existiu un himno, medio pagán, invocando a excelencia das augas. Un xornal, o primeiro de Pontevedra: "As Musas do Lérez". O Mosteiro foi un faro na historia de Galicia, nel formáronse os bispos Alfonso e Hugo, autores da Compostela e recibiron educación Sarmiento e Feijoo importantes persoeiros do século XVIII. Neste Mosteiro réndese culto a San Bieito. Foi abandonado coa desamortización de Mendizabal e intentos posteriores non conseguiron volver a recuperalo.

A cidade de Pontevedra, que estivo cinguida por muralla medieval e torres arcebispais contou, ou aínda conta, con varios mosteiros no que por aquel entón era a súa periferia, dende fai tempo inmersos na cidade:

San Francisco do Século XIV, monumento histórico-artístico dende 1896, conserva o sartego do trobador Paio Gómez Charino. Gran parte do Mosteiro acolleu durante anos a Delegación da Facenda, a día de hoxe baldeira, un comedor para persoas necesitadas segue en funcionamento, ademais da igrexa que está aberta para o culto.

Santo Domingo, conservamos as ruínas do que foi un convento gótico do século XV, activo ata o ano 1836, rexentado actualmente este espazo polo Museo Provincial que o utiliza como sección de arqueoloxía, con exposición permanente de lápidas, sartegos e escudos.

San Bartolomeu, igrexa da Compañia de Xesús, co Colexio anexo dende 1650 ata 1767, ano no que foron expulsados de España os Xesuítas. Estas instalacións anexas forman a día de hoxe parte do Museo Provincial de Pontevedra.

Santa Clara, convento de clausura da orde das clarisas que dende o século XIV ata o ano 2015, albergou a irmás desta orde. Adquirido polo Concello, agarda unha nova etapa.

Pontevedra contou con relevantes figuras no mundo das letras: Aínda co risco de deixar no tinteiro algúns persoeiros moi relevantes, arríscome a citar: Amado Carballo, Filgueira Valverde, Xoán Manuel Pintos, Valentín Paz Andrade ou María Victoria Moreno, todos eles agasallados cun Día das Letras Galegas.

Unha ruta, dende Monteporreiro a Bora, a carón do Río, neste tramo onde se pesca o salmón, achéganos ao pequeno encoro desta localidade, onde recibe as augas do seu afuente máis caudaloso: O Almofrei, do que nos ocuparemos máis adiante.

Acompañemos, agora, as súas augas dende o nacemento ata Bora. Como apuntamos manan na Serra do Candán e de contado rodean o Mosteiro cisterciense de Acibeiro; cuia Igrexa, unha boa mostra do románico galego, segue a facer as funcións de parroquial e as restantes dependencias acollen un hostal. Das terras de Forcarei lembramos persoeiros como:

Chano Piñeiro, -cineasta- con obras como "Mamasunción" e "Sempre Xonxa", primeira longametraxe rodada integramente en Galicia e en Lingua Galega.

Virxilio Vieitez, de Soutelo de Montes, destacado fotógrafo.

En Soutelo de Montes, terra de grandes gaiteiros, onde despuntou Avelino Cachafeiro, xunto co seu irmán, que deron nome a: "Os gaiteiros de Soutelo".

Muíños, pontes, centrais hidroeléctricas, áreas recreativas, fervenzas, ermidas, mosteiros, igrexas, paisaxes fermosísimas..., todo isto e máis recunchos con variada vexetación atoparemos ao longo do seu percorrido, deparando lugares dignos dunha visita.

Pasa cerca da capital municipal de Forcarei, terras na que conta con varias áreas recreativas e co campamento xuvenil de Pontemaril para dirixirse de camiño as cercanías de Folgoso e encamiñarse cara Cerdedo, onde segue a recibir afluentes e continuar camiño cara Dorna e Santa María de Sacos, freguesía que conta coa igrexa máis antiga de todo Cotobade, unha igrexa de traza medieval. Logo, San Xurxo de Sacos, onde manan ao seu carón unhas augas medicinais que teñen moita sona para problemas de pel, por este paso e custodiado pola famosa carballeira do San Xusto, onde tamén atopamos a capela onde se venera aos nenos mártires Xusto e Pastor; algunhas pontes, neste treito, algunhas de notable beleza, voan sobre o Lérez, para facilitar o acceso entre as terras de Cotobade e Campo Lameiro. Percorren as súas augas de seguido a parroquia de Viascón que nos lembra ao gaiteiro Ricardo Portela, con busto a carón do Concello de Cotobade, e mais abaixo as terras de San Pedro de Tenorio, onde podemos contemplar un mosteiro bieito, considerado como a matriz de todo o antigo Concello de Cotobade, que foi e segue a ser a zona máis poboada do Concello.

Afluentes como: Salgueiro, Cabaleiros, Grande, Castro, Quireza e unha multitude de pequenos regueiros, ademais do Almofrei, do que agora nos ocupamos, fan aumentar o seu caudal de forma progresiva ata o seu encontro co Atlántico.

O Almofrei, nace na parroquia Cotobadesa de Caroi e logo de pasar polas de: Corredoira, Loureiro, Carballedo, Rebordelo, Borela e Almofrei (á que da nome), verte no Lérez na nomeada Bora, xa no Concello de Pontevedra.

Dende o seu nacemento ata a desembocaura numerosas pontes menores e outras de maior importancia como: A ponte Serrapio, a do Frade e a Ponte Nova (en Santiago de Loureiro), a de Carballedo e a de Pozo Negro que comunican coa parroquia de San Martiño de Rebordelo, entre unha e outra a Piscifactoría Provincial de Carballedo que permite a cría de alevíns de troita para repoboar os ríos da provincia. Ao seu carón existe tamén un Centro de recuperación de aves. Logo a Ponte de Pazos de Borela e a de Borela augas máis abaixo, a Ponte de Almofrei de gran beleza nunha paraxe singular pero non de uso para automóbiles ao igual que a nomeada de Serrapio.

Ao nomear Caroi lembramos a Xosé Fortes Bouzán, natural desta freguesía que entre outros méritos e outros libros é o autor do Volume "Terras de Cotobade", onde contou coa colaboración de Serafín Fontenla e Germán Fortes (naturais tamén das terras de Cotobade). No seu transitar por Loureiro evócanos a figura de Antón Fraguas, natural desta parroquia (Letras galegas 2020); en Carballedo inaugurouse fai pouco tempo un Centro Cultural que leva o seu nome. Carballedo conta cunha numerosa nómina de persoeiros universitarios, a maioría figueroístas, de aí que non citemos a listaxe pola súa extensión. En Rebordelo destacamos a Salustiano Portela Pazos, deán da Catedral de Santiago e autor do libro "O Cañón de Pau".

O río, ao longo do seu camiñar foi moi aproveitado para muíños, son moi numerosos, case todos fora de uso; para o regadío, destacando o aproveitamento que del se fai na parroquia de Almofrei, onde tamén existe unha pequena central hidroeléctrica. Conta con áreas recreativas e de baño de gran beleza en Carballedo, Pozo Negro e Xesteira.

28/02/2023

rafadcg@r.gal