O MUÍÑO DA OURICEIRA

O muíño moe e moe;

nunca deixa de moer:

¡Que as ondiñas do regato

con cancións o fan mover!

                                                                                                           Manuel María.

De cando en cando, acórdome dos anos da nenez, non sei se con nostalxia, ou non, mais si, con moito agarimo polas persoas e polas cousas que me acompañaron nese primeiro tramo vital.

As primeiras andainas, na aldea onde nacín no estío de 1951, teñen un denominador común nos dez primeiros anos: a permanencia no mundo rural, soamente alterada por esporádicas saídas a algunha cidade ou vila, de preto, máis ou menos poboada (Caldas de Reis, Pontevedra, Vigo...).

Esta permanencia nun mundo tan cerrado, pequeno, organizado, onde cada cousa tiña a súa función, onde case nada se mercaba, cunha economía de abastecerse con medios propios, baseada na agricultura e na gandaría, fanme lembrar cada unha desas engrenaxes, que facían posible que as familias, case sempre numerosas, puideran saír adiante, sen luxos pero sen fame.

Quixera homenaxear hoxe, con este escrito, a unha desas engrenaxes, os muíños de auga en xeral, e en particular ao primeiro que viron rebulir os meus ollos: "O Muíño da Ouriceira".

Sendo a casa natal a última do barrio da Asperiña (Parroquia de Carballedo, no Concello de Cotobade), só era preciso coller o camiño da Carballeira da Xesta e, logo duns douscentos metros, na Chan do Muíño, coller á dereita o curto carreiro, en pendente, que nos deixa á súa porta. A súa forza para mover a moa, achégalla a auga que o regato procedente do Chan das Latas, con desembocadura no río Almofrei, alimenta primeiro ao chamado Muíño do Lombiño, cunha monumental canle ata o cubo, onde as haxa; logo a un desaparecido muíño da Carballeira, do que só se conservan algunhas pedras dispersas entre toxos, fentos e silveiral e, o tupido oco de rodicio, para evitar perigos, e finalmente recibe as augas este, que nos ocupa, da Ouriceira.

O seu nome fai referencia a unha construción de pedra, polo xeral circular, cun portelo ou porta de entrada; Estas ouriceiras, tiñan por misión custodiar os ourizos, para que, unha vez vareados, e mentres non regañasen, estiveran a salvo dos xabarís que tanto devecen polas castañas. Mais, non é da miña acordanza a existencia dela.

As muiñadas facíanse por rolda, tendo cada familia un determinado número de horas. Os arranxos pagábanse de forma proporcional a esas horas de moenda.

Aínda parece que foi onte, cando vía ao Señor Santiago, co fol ao lombo, camiño da Ouriceira, e, a miña nai, Olga, librando o muíño para deixarlle a súa quenda. Tamén me lembro de meu pai, Xosé, facendo algún arranxo nel, e explicándome o seu funcionamento. Alí aprendín vocabulario, hoxe camiño da desaparición ou case en desuso: pousafoles, quenlla, apeadoiro, moa, vasoira, rodicio, caixón, tarabelo...

Millo e centeo viaxaban a el, para volver convertidos en: miúda fariña para as coceduras quincenais, en fariña do ollo para as papas millas ou en fariña rachada para alimento da facenda. En fin, a súa importancia era extraordinaria, ata o punto que, sobre todo de noite, había que gardalo por medo a que roubasen a fariña ou o gran.

Nesas noites moitos contos, á luz do farol, escoitaron as súas pedras, quizais que algún que outro namoro verían, referencia de tales feitos atopamos en cantigas e escritos.

Pero, hai tempo que lle chegou a súa hora, atopándose nun abandono total, sen motivación para seguir adiante, ante a falta de millo e de centeo que poidan encher a súa moega... Outros tempos, outros costumes, outras formas de vida deixáronte de lado, querido amigo... A aldea declina, moitas vivendas que xa non o son, mais ti, compañeiro da infancia, adiantácheste moito a este decaer rural. É unha mágoa...

O muíño xa non moe,

leva tempo sen moer.

¡As ondiñas do regato

xa non o queren mover!

18/10/2016

rafadcg@r.gal