O MUSEO

Cando, en Marín, escoitamos nomear "O Museo", todo o mundo sabe a que espazo nos estamos a referir.

Existen outros locais, que con certa asiduidade, ofrecen clases e mostras variadas, actividades culturais diversas: charlas, conferencias, semanas culturais, exposicións, actuacións musicais..., mais, o Museo segue a ser o "Manuel Torres".

Este Museo Municipal, inaugurado en 1992 -sendo alcalde Gonzalo Arís Leiro cun acto, no propio recinto, onde estivo Manuel acompañado, entre outros na mesa presidencial, polo profesor Xosé Filgueira Valverde e cunha conferencia de Antón Castro sobre a súa obra- está situado no primeiro andar do número 3 da Avenida de Ourense e leva o nome do pintor Torres (Marín 1901-1995).

Conta cunha sala de recepción á que accedemos logo dunha escaleira dificultosa, sendo a grave carencia de non posuír ascensor unha das súas principais eivas. Nesta habitación, preside un óleo co retrato do ilustre, historiador e arqueólogo, natural da Vila, Antonio Blanco Freixeiro. Este retrato e obra do recentemente falecido Yvan Descamps, un pintor belga, casado con Aurora Costa de Marín. De aí a súa relación co pobo e co Museo, onde expuxo en varias ocasións dende aquela primeira de 1990. Ademais adestrou como mestre de debuxo e pintura por estes lares a non poucos discípulos. O Museo colga estes días de maio unha exposición con vinte e catro das súas obras: óleo, pastel e acuarela, como homenaxe póstuma, chegadas dende Tenerife, onde pasou os derradeiros días. O resto da planta, compona un amplo corredor central que conduce a un bonito salón de actos con algunas obras do noso persoeiro e que serve de auditorio a multiples actividades que se desenrolan na Vila: conferencias, presentación de libros, xuntanzas diversas..., ademais de catro salas, equipadas para acoller todo tipo de mostras e aseos.

O Museo, ten a súa orixe na doazón ao Concello de Marín dunhas setenta e sete obras que fai, en vida, o autor, legado aumentado na actualidade a máis do centenar: paisaxes, bodegóns, retratos, gravados, debuxos... empregando técnicas variadas -lapis, tinta, óleo, pastel, acuarela-. Hai unha sala permanente e en ocasións máis, dedicadas a Manuel; o resto das salas acollen mostras temporais doutros artistas ou expoñen, segundo a ocasión, fondos pertencentes ao Museo, ben de pintura, escultura, mobiliario e incluso arqueoloxía.

A obra de Manuel Torres Martínez atópase moi repartida: O Museo de Pontevedra acolle fondos similares aos do Museo que leva o seu nome en Marín. Tamén podemos contemplar obras súas: No Museo Carlos Maside de Sada (Coruña), no Museo de Belas Artes da Coruña, No Francisco Fernández de Riego (Vigo), No Museo Pazo Quiñones de León de Vigo, ou sen ir tan lonxe, quizais un dos seus últimos traballos, o cadro "Regateiras" que se atopa Na residencia da Terceira Idade de Marín que ten data de 1993. Sei tamén da existencia de moitas das súas obras en vivendas particulares de Marín e Pontevedra.

Direi para rematar que, este Museo Torres, é unha das alfaias con que conta Marín, agardemos que o ascensor non se demore moito máis e fagamos votos para que chegue antes de que os difíciles chanzos da súa escaleira sexan imposibles para nós, como xa serven de insalvable obstáculo para moitas outras persoas impedidas. Coidémolo, visitémolo máis e valoremos como se merece este espazo cultural.


rafadcg@r.gal

20/05/2018