O NADAL

Decembro, duodécimo e derradeiro mes do ano no que dá comezo o inverno, aquí, na zona temperada do hemisferio norte, e a luz diurna chega a mínimos no seu comezo para ir crecendo ata finais do mes de San Xoán, data na que principia o estío. Acádanse as temperaturas máis baixas do ano e os orballos, poalleiras, choivas, xeadas e nalgunhas latitudes as nevadas, acostuman a ser frecuentes. Isto fai que o mes en curso sempre compareza como morriñento, tristeiro, deprimente... Mais unha vez inmerso nel, outras actividades, outras vivencias, outros sentimentos fan que lembre esta época melancólica de xeito diferente, de maneira entrañable, familiar, de balance do ano que remata e de proxectos de mellora para o futuro, soños e anhelos en moitos casos que nos van agardando e cos que imos tropezando ao longo da nosa existencia vital.

Escribo hoxe, seis de decembro, data na que algúns celebramos o Día da Constitución, -Constitucion de 1978-. Trinta e oito anos nos separan xa daquela data na que o pobo, en referendo, votou positivamente, ratificándoa. Lembrome con claridade de tal acontecemento por ser membro dunha mesa electoral e pola ilusión que nos facía o poder contar de novo cunha Carta Magna aos que naceramos durante a Dictadura. Non sei se é preciso reformala ou non, quizais si, mais non festexala ou ignorala logo do que custou chegar a ela... Como lía, un día destes, no Faro de Vigo: "Que nas escolas se celebre máis, poño por caso, o Samaín que a Constitución... que queren que lles diga..." Vaia, que ao menos, nalgúns Concellos tómase como referencia para inaugurar os alumeados destas festas.

As rúas énchense de alfombras vermellas, árbores de nadal de todas as cores e formas posibles, os escaparates repletos de productos típicos: turróns, polvoróns, doces astorganos, noces, uvas e figos pasos e outras lambetadas. Os nacementos moi típicos na miña infancia, pola contra amosan un retroceso, sendo escasos os locais que os manteñen vixentes. Aínda así, podemos contemplar algúns de grandes dimensións e con figuras moi enxeñosas montados por Asociacións veciñais, culturais ou outros organismos...

Viaxo, por un intre, aos anos do meu bacharelato e evoco a volta á casa familiar, logo do primeiro trimestre do curso, onde, cunha grande ilusión preparaba coas miñas irmás o belén, que nos facía compaña ata despois de Reis: a recolleita do musgo nos valados máis sombrizos da carballeira, as montañas que queriamos facer máis altas cada ano, unha luz para o Portal de Belén e outra para o Castelo de Herodes, area para os camiños, o papel de prata para o río, o pastor que colocabamos sobre a ponte e que cada mañá atopabamos caído, algunhas figuriñas que podiamos mercar cada ano para renovar as estragadas, unha grande estrela orientando aos Magos... Manifestarei chegado a este punto, para desfacer malos entendidos, a nula relixiosidade que me acompaña, mais non podo esquecerme da ilusión que espertaban en min estas datas e o agarimo con que lembro eses días anteriores ao Nadal: Festa dos encerados no Instituto, o nacemento na casa natal, a lotería, a xuntanza familiar na Noiteboa, o máis tardío Papa Noel, a misa do galo, as panxoliñas, a noite de fin de ano coas uvas e as badaladas (primeiro na radio e logo na televisión), o día dos Manueles , os cánticos de reis, o espertar do seis de xaneiro...

Debo dicir, que todas estas ilusións, co paso dos anos, foron minguando, mais cando se achegan estas datas, aínda que moitas das persoas que formaron parte do núcleo familiar, xa non están fisicamente presentes, e, outras fóronse incorporando ás nosas vidas, sinto un certo desacougo, algo distinto que fai que estas datas sexan insubstituibles.

6/12/2016

rafadcg@r.gal