O PARQUE EUGUREN

Vai xa para corenta e dous anos da miña arribada a esta Vila, dende que en setembro de 1975 o fixen por segunda vez e xa para quedarme; e digo por segunda, xa que, o curso escolar 1971-72 e como mestre en Prácticas no "Colexio A Laxe", vivín na enxebre Rúa da Roda dende o mes de san Miguel ao mes de San Xoán.

Virían logo, os tempos do servizo militar, en Figueirido e Ferrol. Un curso, como mestre, no Colexio Público Infante Felipe de Borbón, en Salvaterra de Miño, para de seguido instalarme nesta localidade onde permanezo a día de hoxe.

E foi, nese ano do retorno, ano en que pasamos da Dictadura á Transición, cando a miña relación con esa parcela, hoxe parque Frade Eguren, acadou a maís grande complicidade e non deixou endexamais de ser un referente nos anos posteriores. Nese lugar, antigo campo da feira, escoitaba, nese curso, as derradeiras algarabías o Colexio San Narciso, rexentado polos P. Paúles, no que desempeño ao longo dese curso as labores de mestre. Deixarei dito, que xa funcionaba en Chan do Monte -Mogor- o novo San Narciso, coas aulas de Bacharelato, COU, e o terceiro ciclo de Primaria, así como os servizos de Comedor e internado e, a onde nos incorporamos no seguinte curso académico. Bastaron eses primeiros meses meus de contacto, coa Orde e co pobo, para detectar o carisma deste monxe e o cariño que os nativos profesaban por el.

Logo duns anos nos que este recinto permaneceu abandonado, foron adquiridos os terreos polo Concello, procedéndose ao derrubamento da antiga construción e comezando a agromar moitos plans para tal soar, que se foron rexeitando na mesma medida en que xurdían sen chegar a fraguar algún. Co decorrer dos anos foise humanizando ata acadar a actual imaxe, converténdose en zona de actividades de ocio: festas, concertos, campo de deportes, zona de paseo e descanso, parque infantil... Chegando pouco a pouco a fundirse co chamado Templo Novo e coa casa do crego, formando na actualidade un todo común, coñecido como Parque Padre Paúl: Ángel Eguren Ugarte e que segundo reza a placa conmemórativa, co seu busto, colocada, metro arriba metro abaixo, no lugar onde comezaban as instalacións do antigo Centro de ensino: Fillo adoptivo, por acordo plenario do 30/01/1980 e co lema "O ADEUS NON EXISTE".

Convertido, pois, nun dos centros neurálxicos da Vila, elévase cun muro de fina cantería sobre a Rúa Concepción Arenal, que o limita polo norte, desde aquí, dúas escalinatas permítennos o acceso: unha delas, na mesma línea do Templo, porta na súa esquina unha Placa con busto de Concepción Arenal na que podemos ler: "A sociedade non pode en xustiza prohibir o exercicio honrado das súas facultades á metade do xenero humano". Concepción Arenal (1820 - 1893). O Consello municipal da muller 2015; a outra, álzanos perpendicularmene ao espazo que ocupou o Centro educativo.

De fronte a estas escaleiras, a pétrea construcción do Colexio da Inmaculada Concepción -Hoxe centro concertado de Infantil, Primaria e ESO- Centro Vicenciano, con máis de cen anos na Vila, rexentado pola Comunidade de relixiosas: "Fillas da Caridade de San Vicente de Paul e Santa Luisa de Marillac", que nos amosa unha esplendida fachada, simétrica, cun magnífico brasón sobre o frontón da entrada principal... Imponente obra do arquitecto Antonio Cominges Tapias, que en 1942 dirixiu a reforma e ampliación do primitivo Centro.

Cerra o Parque polo nacente e polo mediodía: a rúa Estrada, onde destacamos o Antigo Instituto Laboral, hoxe convertido e I.E.S. Illa de Tambo; A casa do Mar e O Centro da Terceira Idade.

Polo poñente, rodea este cuadrilatero a Rúa Ezequiel Massoni, sen edificacións dignas de mención.

Pois ben, este "todo", -aínda que con marcos nas suas cabeceiras- (marcos que indican o espazo municipal, co escudo de Marín nunha cara, e o espazo eclesiástico na outra cunha cruz), recinto ao que acabamos de poñer límites, acolle no seu interior o "Templo Novo" ou Igrexa de Santa María do Porto, cunha imaxe da Virxe, en pedra, na súa fachada. Tamén debaixo do portico, no seu fronte, recolle en mármore unha lembranza e agradecemento ao párroco D. José Sáez Pichel (aparece en busto), por ser o artífice deste Templo, no 1º Aniversario do seu falecemento, e, co lema: "Amou a Marín".

Un cruceiro, bancos de pedra e de madeira, unha fonte - Cunhas placas de hermanamento de -Marín coa cidade Arxentina de Funes-, un parque infantil, un quiosco, papeleiras, farolas, unha gran variedade de árbores: Un carballo, camelias, oliveiras, pinos, magnolios, diversas variedades de arbustos... conforman este espazo de lecer, moitos días cheo de vida, onde se dan cita veciños de todas as idades e condicións, devotos que acoden á igrexa, rapaces cos seus enredos, xubilados a tomar o sol e pasear o cadelo, gaivotas, pombas, pegas, todo tipo de paxariños... que fan del un lugar diferente, singular, situándoo nos primeiros postos dos sitios máis senlleiros e atraentes do pobo.

rafadcg@r.gal

25/02/2017