O PERGAMIÑO VINDEL

<<Importante foi o esforzo/

que fixo a Universidade/

para ter aquí esta peza/

da nosa identidade>>.

Portando unha zanfona, un gran cartel e un disfrace de cego, na compaña dunha moza, ataviada con traxe da época e pandeiro, o regueifeiro -Luís Correa, "O Caruncho"- anunciounos onte, na Ferrería de Pontevedra, a modo de cantar de cego, o retorno a Galicia, -procedente de Nova Iork, onde forma parte da Biblioteca e Museo Morgan, para ser exposto en Vigo, no Museo do Mar, de outubro a marzo-, do Pergamiño Vindel, unha verdadeira alfaia da Nosa literatura medieval.

Coñecido é o esplendor acadado pola poesía lírica galaico-portuguesa, que marca o punto de arranque da Nosa Literatura, alá polo século XIII; apoxeo que se manifestou nas cantigas: de amigo, de amor, de escarnio e maldicir, e, que tivo continuidade co cancioneiro relixioso. Séculos, máis adiante, coa chegada dos RR.CC. este florecemento queda truncado, instalándonos nos chamados séculos escuros, onde a lingua galega deixa de escribirse e se non chegou a perderse foi debido ás clases populares que a mantiveron oralmente e transmitiron de pais a fillos, ata a chegada do que coñecemos como Precursores, e, xa metidos no século XIX co Rexurdimento.

Pois ben, entre estas xoias da literatura do século XIII atópase este Pergamiño, coñecido co nome de Vindel, apelido de Pedro Vindel Álvarez (1865-1921), un libreiro que comezou no Rastro e que andado o tempo chegou a ser un importante libreiro e bibliógrafo. A curiosidade de Vindel levouno a descubrir, na encadernación dun códice, do século XIV, que mercara, esta verdadeira alfaia da Lírica galaico-portuguesa. Agora ben, as cantigas de Martín Códax, xa eran coñecidas a través do Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa e do Cancioneiro da Vaticana, mais, estes dous códices son posteriores ao periodo da historia no que se desenvolveu a actividade trobadoresca. Co seu achádego o pergamiño Vindel convértese no vestixio máis antigo que se conserva das cantigas de amigo e que ademais acompaña a música de seis delas, dato este que non figuraba nos Cancioneiros.

Esta xoia, a que agora nos poderemos achegar durante este tempo de exposición, contén sete cantigas de amigo, seis delas coa música para ser cantadas, como antes citei compostas polo trobador Martín Códax, do que descoñecemos case todo, supoñendo que puidera ser de Vigo polas referencias que fai deste lugar en todos os poemas, agás no número sete, no que soamente cita o mar, ao que se dirixe preguntándolle pola tardanza do amigo, e, que viviría entre mediados do século XIII e principios do XIV, séndolle dedicado o Día das Letras Galegas o ano 1998, xunto con outros dous poetas da Ría de Vigo: Mendinho e Xohán de Cangas. Un monumento na illa de San Simón da constancia de tal feito.

A exposición consta de sete partes, cada unha inspirada nunha das cantigas, sendo o Pergamiño a figura central, mais, acompañado doutras pezas do medievo: pintura, documentos, esculturas, restos arqueolóxicos, obras tanto profanas como sacras etc., e tamén contemporáneas que dan a coñecer a sociedade da época: vida, costumes, poderes e que nos achegan á paisaxe do momento, ao mar, ás romarías, santuarios, música... Feitos que seguramente inspiraron ao autor.

Quizais debamos aproveitar esta ocasión, posiblemente única, na vida de cada quen, para visitando a exposición beber uns grolos frescos destes tesouros que marcan o comezo da nosa literatura e que son os fundamentos escritos, máis antergos, do noso idioma.

Ai ondas que eu vin veer,

se me saberedes dizer

por que tarda meu amigo sen min.

Ai ondas que eu vin mirar,

se me saberedes contar

por que tarda meu amigo sen min.

                                                                                              (Cantiga VII, a única sen notación musical)


rafadcg@r.gal

6/11/2017