O RAMO

En Carballedo de Cotobade, na parroquia onde vin ao mundo, coñecemos este día como o Luns de San Roque. É de sabedoría xeral que o Santo, como así o denominaba a xente do seu tempo, ten o día dezaseis de agosto como data para a súa veneración, mais na nosa parroquia festexámolo o domingo seguinte ao dezaseis, a non ser que o dezaseis cadre en domingo. Así pois, o luns non se honra a San Roque, senón a San Antón de Padua, Lisboeta de nacemento e finado en Padua, o seu derradeiro destino, patrón dos pobres e Doutor da Igrexa; e é en tal data cando os mordomos -dúas parellas, unidos os cónxuxes polo sacramento do Matrimonio- que obteñen este nomeamendo por antiguidade marital, entregan, como símbolo, uns ramos de loureiro aos mordomos do seguinte ano, que serán os encargados da organización relixiosa e profana das celebracións de tales días de festa.

Acaso levase Eu uns trinta anos sen asistir aos actos relixiosos e profanos desta festividade, e neste luns 19 de agosto de 2019, acompañei aos meus sobriños -María Anxélica e Carlos- e puiden rememorar os rituais que os ramistas saíntes teñen para cos entrantes...

Así, cando cheguei á casa paterna, xa a Banda de música de Campo Lameiro anegaba, física e tamén musicalmente, cos seus sons os arredores da vivenda familiar -Eira de arriba, nogueira, carballo da presa... e que, voando por derriba da viña se encamiñaban ata o Pontillón camiño da Carballeira da Xesta- ... A vella e bela Nogueira gorecía do sol, acollía o bullicio e quedábase pequena, a pesar da súa enorme ramalleira, para dar sombra a familiares e músicos en tan solleira mañá, de tal xeito que, a percusión, no vagón de cola da Banda estendíase ata preto das asustadas galiñas, que escoitaban e contemplaban entre pasmadas e atónitas sen nin tan sequera cacarexar. O "ramo", testemuña de tal honra e xa totalmente engalanado -caramelos, un San Roque, euros, rosquillas, mazás...- presidía e agardaba os momentos posteriores.

De seguido, a cita era no Campo da Chan, unha media hora antes do comezo da Misa. Alí os mordomos deste ano, cos seus ramos, seguidos das dúas parellas do vindeiro, acompañados dos seus familiares e veciños e baixo os sons da Banda, procesionaron ata a ermita dos Santos, distanciada uns trecentos metros; a Misa solemne, cantada dende a tribuna por unha coral, a posterior procesión coas imaxes, sobre andas, do de Padua, do de Montpellier e do cravado de setas San Sebastián, seguidos dos ramos e acompañados do cortexo procesional, presidido polo Párroco e o Alcalde, volvemos a percorrer o camiño ata o turreiro e posterior regreso ao santuario, intre este, no que tivo lugar a cerimonia da entrega do testigo aos ramistas de 2020; unha volta derredor da capela, cos ramos, presidida pola Cruz e acompañada dos sons da Banda, deixou constancia deste feito. Abandonamos o santuario, deixando o acubillo das árbores que o custodian, pasamos a carón do sinxelo cruceiro que o acompaña, saudando a xente que non vía en anos, lembrando a outros ausentes e fómonos achegando á Praza Central, onde a sombra dos poucos carballos que perduran e cos sons da música, na compaña dos sobriños (mordomos) e doutros membros da familia, tomamos un aperitivo que nos puxo no camiño do familiar xantar un ano máis, na Casa da Costa, no barrio da Asperiña.

Bonito, entrañable e inesquecible día, na compaña dos familiares. Momentos que non deberían de perderse e, que acaso, as novas formas de vivir das familias están poñendo en risco pola escasa valoración, que nestes intres, destes eventos se fai. Desexamos para todos a elección do mellor carreiro a seguir. Parabéns para os meus familiares ramistas e, dende xa, agardemos a Festividade do ano vindeiro.

rafadcg@r.gal

19/08/2019