O RÍO

Non lle preguntes ao río

a onde vai, de onde vén.

O río pasa correndo!

O río non se entretén!

                                                                                                          Manuel María.

Moitos foron os nosos vates que che cantaron e moitos os narradores que te empregaron nas súas historias, facendo uso das súas excelsas plumas, mais eu, dende o meu humilde teclear, lémbrome hoxe de ti, -querido amigo e compañeiro de tantas xornadas de pesca, percorrendo as túas orelas-, pois non sería de xustiza non tributarche esta merecente loanza.

O arroio, o regato, o regueiro, o regacho, o río..., son para cada un de nosoutros, ao menos para os nacidos nalgunha aldea, "O Río". O noso río. E cando del falamos, sen nomealo, todos os familiares, veciños, amigos e compañeiros do lugar saben a quen estamos aludindo.

O noso Río, non é outro, senón aquel que nos viu dar os primeiros pasos, que acolleu os mergullos primeiros no estío, no que levamos os primeiros sustos, antes de aprender a flotar, aquel no que vimos, ao achegarnos á súa orela, escapar as troitas por primeira vez; ese no que un día de verán vimos pousados, sobre un salgueiro, á súa beira, un cabaliño do demo de ás azuis e outro de ás marróns; aquel no que nos somerxiamos para logo emerxer con algún obxecto albiscado de antemán ou para ver quen resistía máis tempo sen aflorar á superficie; aquel que vimos saír do leito coa enchente nos invernos, ese que lavaba as nosas vestimentas naqueles anos, nos que nin tan sequera imaxinabamos as máquinas de lavar, -onde a roupa pasaba por lavado, clareo, segundo lavado, secado e sesion de pasar o ferro, baixo as sabias mans das nosa nais-... Si, ese si é, o Noso Río.

Maís ti, río, tamén es a forza motriz: Cantos rodicios xiraron coa teu ímpeto transmitindo o movemento á moa, para que esta puidese transformar o cereal en fariña. Son moitos os encoros que enches para que as turbinas aproveiten a túa forza e a muden en enerxía eléctrica. A cantas, veigas e campos, deches e dás de beber para que as súas áridas terras se convertan en fecundas campiñas. Tamén son abondosos os pobos que unes, naqueles treitos que es navegable, facilitando o transporte de mercadorías, animais e persoas. Canto colaboras no lecer dos humanos, acollendo competicións náuticas, descensos polas túas augas, pesca deportiva etc. A cantas vivendas chegas para axudar na hixiene corporal, nas tarefas e limpeza do fogar e mesmo para calmar a sede da humanidade. Ao mesmo tempo entregas as augas a outro río, a unha lagoa, a un lago ou ao mar, para que o ciclo da auga non se deteña e poida unha e outra vez ao longo dos séculos ser fonte de vida e ouro para os seres vivos.

Ás veces incomódaste, pásanos a todos, anegas terras, a túa forza causa algún funesto accidente, avisas do teu poder, por iso non é bo perderche o respecto.

O respecto que mereces,

debémoscho de gardar.

Os beneficios que xeras

son moi dignos de gabar.

rafadcg@r.gal

17/01/2017