O SALÓN COTOBADE

Cando, alá por xaneiro de 2019, escribín sobre a Casa da Sociedade de Carballedo xa apuntei que así como esta se recuperou para vivenda familiar, se lle asignara algunha función aos inmobles que no seu día foron construídos como Grupo Escolar de nenos e nenas de Carballedo e que andando os anos, trala construción do CEIP, no lugar de Cuqueira, desempeñaron a función de Centro Médico estando a día de hoxe a ermo, sen ninguna misión..., pois ben, pasado algún tempo anunciouse a súa transformación en vivendas sociais, agardemos que este proxecto logo se faga realidade.

Agora leo, na Voz de Galicia, a nova da recuperación -tamén en Carballedo (Cerdedo-Cotobade)- do antigo edificio que foi cine, salón de baile, lugar de actuacións de cómicos varios e, o máis do tempo, Carpintería Manuel Sarrapio que nos anuncia a súa transformación, logo de entrar en desuso a comezos do século en curso, nun Centro Cultural e Turístico que se nomeará Antonio Fraguas.

A súa función ao longo da semana, como xa apuntei, era a de carpintería e foi Centro de aprendizaxe de garlopa, serrón, cepillo, trencha, berbequí, gramil, compás e demais aveños en uso na profesión por aqueles días para moitos mozos da bisbarra que, baixo a dirección do mestre-carpinteiro, se foron adestrando no oficio da madeira, naqueles tempos nos que a Formación Profesional estaba por chegar ou aínda estaba nos seu inicios.

Funcionando como Sala de Baile, os sábados, na tempada outono-inverno, sendo socios (Manuel Sarrapio e Gumersindo Rodríguez) e sobresaíndo pola súa especial brillantez as galas celebradas o 25 de Nadal, 1º do Ano e Día de Reis, así como os de Entroido, onde non faltaban as comparsas, disfraces, máscaras e caretas. Na súa época máis esplendorosa, mediados dos anos sesenta e os setenta tocaron nel as mellores orquestras do momento en Galicia: "Poceiro", "Chicos del Jazz", "Palma", "Montes", "Florida", "Os Satélites", "París de Noia"..., por citar algunhas e acudía a mocidade de todo o Concello e de moitos limítofes. A mediados dos anos setenta, aproximadamente, produciuse un aumento considerable de salas de festas, con mellores e máis modernas instalación e con actuacións de moitos conxuntos, grupos de éxito ou solistas do momento no cume das súas carreiras, que no descanso das orquestras facían a súa actuación, en torno a hora ou hora e media: "Formula V", "Os Diablos", "Karina", " Masiel", "Juan Pardo", etc. que ocuparon estes novos espazos e fixeron que o Noso Salon Cotobade, resistise un tempo, mais tivese que recoñecer que os seus tempos se ían acabando. Influiu tamén un maior nivel económico que se produciu nos ingresos axiña da morte de Franco e a xeralización nas familias dos vehículos que favorecían os desprazamentos a Salas de festa máis distantes e que, en definitiva, o foron acurralando ata provocar o seu peche definitivo.

Lembro tamén que acolleu por aqueles anos, algunhas sesión de cine, alguhnas festas parroquiais, cando o tempo impedía celebrálas ao ar libre, ou algún teatrillo ou circo non de moita importancia.

O seu labor como carpintería, quizais permaneceu ata os derradeiros anos do século XX., para botar o peche e permanecer neste estado ata o día de hoxe, no que se anuncia esta nova, que agardemos que non se frustre e poida ofrecer á parroquia e ao Concello novas posibilidades para que o mundo rural, tan decadente nas últimas décadas, tras o abandono agrícola e gandeiro ao que se viu arrastrado, sobre todo logo da incorporación á CEE, que fixo non viables as pequeñas explotacións, recobre un novo pulo. Así pois, desexando ver axiña realizado o Proxecto Antonio Fraguas e o proxecto das anunciadas vivendas socias e que non se queden no tinteiro, dou por rematada esta pequena reseña. O tempo falará...


rafadcg@r.gal

9/08/2020