OS CAMIÑOS DA ESCOLA

É setembro, son as seis da mañá, érgome un intre para velar o sono de Cecilia e cando regreso ao leito, logo desta rolda nocturna "Pedro Chosco" abandonara xa a estancia, deixando a miña compaña para ocasión máis propicia..., apago a luz, cambiode postura unha e outra vez, cerro os ollos, fago un intento por deixar o maxín en branco..., nada..., canto máis intento aproveitar estas horas do crepúsculo vespertino en apurar o descanso, máis flúen na miña imaxinación: pensamentos, consideracións, hipóteses, supostos, pareceres que me van afastando máis e máis dos meus degoiros.

Sen saber o como, nin o porqué, atópome percorrendo o camiño da escola, neste mes que xa apura os últimos días estivais para deixarnos as portas das ocres cores outonais..., sempre a escola, decote a infancia, a diario eses anos, nos que todo, ou moito do cotiá, era novidade, descubrimento, crenza, ilusión, quimera, devezo.

Ás escolas, sitas no barrio da Igrexa, chegabamos logo de percorrer aproximadamente un quilómetro, naturalmente que a pé, e podiámolo facer seguindo varias opcións na nosa andaina. Eu facíao dende a Costa, última vivenda do barrio da Asperiña, ao carón do camiño que conduce as parroquias de Corredoira e Caroi, casa construída polos avós maternos (Xesús e Carme), que procedentes do Concello de Cerdedo e Forcarei respectivamente se asentaron nesta zona, verdadeira atalaia do val do río Almofrei, no seu discorrer pola parroquia de Carballedo. Variadas eran, como xa dixen, as posibilidades de camiñar ata escola:

A primeira que citarei, e una das máis empregadas, consistía en baixar ata as primeiras casas do barrio e, na esquina da casa de Fraguas, (canteiro do que xa teño falado e do que hoxe lembro esta frase súa, que repetía con moita frecuencia: "O caso e ver o Sol antes de nacer, que dende que nace veo calquera") virar á dereita e deixando o fértil eixido de Andrea ao norte encamiñarse ata a Cuqueira, recollendo compañeiros, na Raxeira ao pé do pío de lavar e abeberar o gando, ben escoltado por dous hórreos, verdadeiros gardas que preto das casas farannos compaña ata o noso destino. Logo camiño da Cuqueira, barrio que toma o nome do lugar no que o cuco, nas tempadas que pasa con nós, moi ocioso ao non ter que chocar a niñada, afánase en agasallarnos co seu canto; lembro este traxecto como frío no tempo das xeadas, onde os carambelos pendurados dos muros eran frecuentes, abrigado do norte, mais, batido do mediodía: aquí lémbrome das molladuras nos días de invernía, frieiras en mans e pés, tose... e, da chegada á escola cos zocos cheos de lama, as mans sen tentos para empuñar o pizarrillo ou a pluma e alí: nin un mal braseiro..., outros tempos... Pasada a forxa ou fragua que non lembro en funcionamento, máis que dá nome á primeira casa que atopamos "A das Ferreiras", novas unidades pasan a formar parte da comitiva escolar. Un pouco máis adiante un freixo, que agora evoco, diante da casa que por aquela habitaba o Sr Uxío, espertaba en min certo interés, polo pouco frecuente. De seguido, a xesteira da Costiña co seu portelo; Diante o Portal, leira costeira, máis boa terra de centeo, soleada de tarde e onde acostumaba a sorprendernos o paspallás; a Costiña de Abaixo, outra xesteira co seu enorme castiñeiro, verdadeira despensa de castañas por aqueles anos; remataba o circundado a horta, chaira e protexida por un muro, lindando coa casa de Torres, onde se sumaban novos escolares. O camiño, agora en forte pendente, polo centro da aldea, pasa diante das casas do Meixoeiro, Prudencio, Elena e a Couceira para desembocar na estrada, sen asfaltar por aqueles días, coa casa de Simal como vixía. Este Simal, home de moito xenio e posuidor dun muíño no regato que procedente da carballeira de don Elias, achega as súas augas ao Almofrei á altura da ponte de Sante, logo de transitar baixo a ponte Cagallosa ou de Ferro na estrada da corredoira, a ponte do Pradiño na estrada a Campo Lameiro, a ponte do Porto do Río, paso obrigado para a escola de ir polo lugar de Pazos e a Ponte Lagoíña na estrada a Pontevedra, única vía que por aqueles anos coñecía o asfalto, e para iso só ata os Doades.

Voltando ao camino, onda a casa de Cesáreo Simal, tomabamos a decisión de ir pola estrada, seguindo a curva dos Agros, a muralla, os Pradiños (onde tantos días alindamos o gando), Agro Redondo, A Lomba, O Comareiro e Silvela para chegar as escolas: a Parroquial, ou de Arriba, para homes; o Grupo Escolar ou escolas de Abaixo, unha masculina e outra feminina.

A outra opción, se non había enchente, consistía en baixar ao fondo da Cuqueira onda a casa de Ramón e de Esperanza, cruzala ponte antes nomeada do Porto do Río e, polos Lagares subir e atravesar o barrio de Pazos pasando a carón da xastrería de Pepe o "Cucoxón" de mal nome, as casas de Noemia, do médico Del Río e do carpinteiro Paquito á dereita e a do veterinario maño, Don Xaquín, á esquerda para xa de contado achegarse ao destino. Outra variante sería dende a fonte de Pazos subir pola aireada eira do Couto, onde se concentran os hórreos de todo o barrio, por aqueles días ateigados e hoxe baleiros, agrupacións típicas dalgunas zonas de Galicia e norte de Portugal, onde son coñecidos como espigueiros.

Outra ramificación consistía en cruzar todo o lugar da Asperiña, polo Lombiño e a Cubeliña, para enlazar coa estrada antes descrita á altura do garaxe do coche de Vigo e converxer onda a de Cesáreo cunha das opción mentadas anteriormente.

Unha derradeira opción consistía en: na Cuqueira virar por Fonte Verde, logo camino dos Agros e achegarnos á estrada á altura da Ponte do Pradiño.

Todos estes percorridos encerraban moito de lúdico e de algarabía, sobre todo nos días de bo tempo, onde estrada e camiños se convertían en espazos de xogo e rebumbio de paxaros e aldeáns apacentando o gando ou traballando nas leiras... Transitabamos polos primeiros anos da segunda metade do século XX. Que novos eramos! Canta ilusión corría polas nosas veas! Poder lembrar eses anos tamén ten moito engado e fainos compaña cando non adormecemos. Prometo volver a facelo, poder recordar e volver a vivir.

rafadcg@r.gal

17/09/2018