CASTELAO

75 aniversario

O sete de xaneiro de 1950 falecía, no Hospital do Centro Galego, en Bos Aires capital da República Arxentina, Alfonso Daniel Rodríguez "Castelao"; sendo soterrado no Cemiterio da Chacarita da Capital Porteña.

Lembramos hoxe, 7 de xaneiro de 2025, o 75 cabodano do seu pasamento, e por iso, quero deixar este pequeno escrito de homenaxe a persoeiro tan notable.

A Fundacion Castelao celebra cada ano este Día, con diferentes actos, na Igrexa do mosteiro de Santo Domingo de Bonaval en Compostela e o mesmo ven facendo o Centro Galego de Bos Aires, dende o seu pasamento.

Cando se cumpriron os 25 anos do seu pasamento a Editorial Akal, dentro da súa colección "Arealonguiña", dirixida por Xesús Alonso Montero, publicou en xaneiro de 1976 un pequeno libro,"opúsculo", co que hai uns días tropecei, esquecido, na miña biblioteca de Galego e que ten por título: "Homenaxe multinacional a Castelao (e máis unha aldraxe), que me deu pé para deixar, no meu Blog Literario constancia destes 75 anos que van dende a súa morte ata este ano 2025. No limiar deste pequeno libro, cóntase o chamamento feito o 1º de setembro de 1974 dende o Ateneo de Ourense para participar nesta homenaxe. A chamada xuntou máis de cen traballos escritos, que logo o Ateneo editou nun Libro: "Páxinas escollidas": I. Prosa, II. Verso, III. Apéndice. IV. Resposta a unha aldraxe, agravio feito polo Señor Alcalde de Santiago de Compostela á persoa de Castelao, á que máis dun cento de intelectuais galegos, encabezados por Ramón Otero Pedraio, rexeitaron. Entre a choiva de escritos de apoio destacarei este do padronés Camilo Xosé Cela en carta dirixida a Otero Pedraio e que cito de xeito textual: "Me adhiero sin reservas a su actitud en defensa de la memoria de Alfonso Castelao, espejo de gallegos". Voz de Galicia 14/06/1975.

Os restos de Castelao retornaron a Galicia o 28 de xuño de 1984, 34 anos despois da súa morte e case 10 despois do fin da Dictadura Franquista. Xacen no Panteón de Galegos Ilustres, na Igrexa do Convento de Santo Domingo de Bonaval en Santiago de Compostela, alí foron acollidos, na presenza da súa irmá Teresa, do Presidente da Xunta de Galicia, Fernández Albor, e numeroso público asistente, nunha urna de pedra que reza: RIANXO 1986 CASTELAO B. AIRES 1950. Alí, nese acto, impúxoselle a Medalla de Ouro de Galicia.

O ano 1964, logo de celebrarse o ano anterior o primeiro DÍA DAS LETRAS GALEGAS dedicado a Rosalía de Castro, foi homenaxeado o ilustre Rianxeiro.

A Xunta de Galicia entrega cada ano as Medallas Castelao e acordou que neste 2025, sexa en Galicia o ANO CASTELAO, que se celebrará con actos que se irán coñecendo neste mes de xaneiro; sabemos, polo de agora, que haberá unha exposición na Cidade da Cultura, na que grazas á realidade virtual será Castelao o que guie aos visitantes, tamén se impulsarán actividades en Centros Escolares...

O ano 2000, cando se cumpriron os 50 anos do seu pasamento, tamén se lle dedicou unha especial atención á súa figura, ao seu legado e ao que significou: conferencias, proxeccións documentais, exposicións...

Quero con esta lembranza, sobre o ilustre Rianxeiro, deixar constancia deste 75 Aniversario, agardando que sirva de acicate para seguir estudando e dando a coñecer as múltiples facetas nas que despuntou e foi e segue a ser referente de Galicia.

Rematarei cunhas palabras de Neira Vilas escritas na Habana en 1974, nas que entre outras louvanzas di de Castelaao: Abriu novas canles ideolóxicas. Traballou arreo para darlle a Galicia conciencia de si. Afondou nas raíces do pasado galego. Viviu con intensidade o presente. Comprometeu de por vida a súa arte e a súa palabra, todo o seu andar e facer por Galicia.

7/01/ 2025

rafadcg@r.gal