PLENO CARVALLO

            Sabemos, que o Pleno extraordinario que a Real Academia da Lingua Galega, celebra para homenaxear, cada ano dende 1963, a unha personalidade das Nosas Letras, ten lugar o 17 de maio, no seu Concello de nacemento. Pois ben, este ano 2020, marcado pola epidemia, non puido levarse a cabo este Pleno no teatro Jofre de Ferrol , cidade na que naceu en 1910, onde estaba prevista a súa posta en escena. Mais segundo palabras de Freixanes, na Voz de Galicia, no seu "Vento nas velas", dá a entender que non se descarta algún acto : "Á súa cidade natal, á, que poderemos volver cando amaine a treboada".

Adiado, en dúas ocasións, por mor da pandenia, hoxe a RAG, próximo a rematar o ano, e en condicións especiais de asistencia, celebrouno en Compostela, cidade na que viviu don Ricardo, no Paraninfo da actual Facultade de Historia, lugar onde el exerceu como primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galega.

Ao acto, restrinxido a medio cento de persoas, asistiu a filla do homenaxeado María Victoria e os netos Xosé Ramón e Pablo, Académicos, representantes da Xunta, Parlamento e Universidade, así como o Presidente da Xunta.

Interviron, ao longo da sesión, os académicos:

Margarita Ledo Andión, que nos guiou nunha viaxe pola poesía lírica do homenaxeado, apuntando que os seus versos se insiren nas vangardas galegas.

Ramón Villares Paz, debullou os aspectos do galeguista e profesor, nun percorrido polas tres cidades onde viviu, Ferrol, Compostela e Lugo, destacando que representa o mellor da cultura galega do século XX, á cabeza dunha xeración filla intelectual do Grupo Nós.

Francisco Fernández Rey, alumno e compañeiro seu, analizou a evolución do seu pensamento lingüístico e o reintegracionismo polo que avogaba Carvallo.

Tamén estaba previsto que intervise Xesús Alonso Montero, mais non puido asistir ao acto, segundo se indicou, por unha indisposición.

Victor Fernández Freixanes que, como Presidente da Real Academia da Lingua, conduciu a Sesión, asegurou que Carvallo Calero é un referente no que debemos seguir traballando máis alá deste ano, comprometendo á Academia, en darlle continuidade e apoio, na medida en que a Sociedade civil se involucre con diversos actos e actuacións, deixando a porta aberta a que a Academia decida sobre a homenaxe a outra figura en 2021. Aproveitou, nas palabras que cerraron o acto para reivindicar o uso e presenza do Galego en todos os ámbitos. Así mesmo, informou que a RAG iniciou trámites con Cataluña e País Vasco para abrir un debate sinceiro e cordial para interesar a todo o Estado Español por este Patrimonio común que son as Linguas de España.

O Presidente da Xunta, que inteviu unha vez rematado o Pleno da Academia, asegurou que a nosa Lingua nos proporciona unha forza extra e loou a figura de don Ricardo dicindo que: foi o primeiro en moitas cousas e que as súas ideas foron formando unha conciencia que a día de hoxe ten xa unha cobertura legal.

Rematou este acto, como vén sendo habitual, coa interpretación do Himno Galego, que os poucos asistentes, cantarón postos en pé e acompañados dun gaiteiro.

rafadcg@r.gal

12/12/2020