POLA CANDELARIA

            Leo, no xornal A Voz de Galicia, que nenos do Colexio "Amor Ruibal" de Barro, obsequiaron aos paxaros, neste dous de febreiro, con niños que eles mesmo fabricaron e colgaron das árbores. Trasládame, esta nova, aos anos da miña infancia, cando aprendín, dos beizos de meus avós, que en días coma hoxe, cásanse os paxariños. De aí, que asocie esta data da celebración da festa da luz coa voda dos animais de pluma, que segundo lembro, presentábaseme, este feito, rodeado cunha dozura e tenrura do máis entrañable, significaba tamén que en vindeiras datas comezaría outro dos enredos, propio dos rapaces, cando menos do rural, naqueles anos da miña infancia: xogo primaveral, que chamabamos "andar aos niños", consistindo en atopar o maior número deles, compartindo a sua localización cos máis amigos e gardando o segredo con outros compañeiros de escola.

Fai moito tempo que non escoito a ningún cativo falar de tal entretemento, nin dun panterlo, nin dunha gaiola, que considero borrados das súas prioridades de ocio, incluso entre os que habitan zonas rurais. Fago acordanza, hoxe, daquelas marchas por camiños, sendeiros, carballeiras... axexando nas escavadas barreiras das congostras e corredoiras, nas vereas, sebes, valados, muros, silveiras, xesteiras, fitando o cume dalgún piñeiro, o curuto dalgún carballo ou fisgando algunha árbore froiteira na procura do fogar dalgunha ave. Rebuscabamos con teimosía cada curruncho na procura de tan devecido trofeo, mantendo as normas, transmitidas oralmente duns a outros, para non asustar aos inquilinos do lugar e que estes puidesen abandonar, niño e ovos, antes de sacar adiante a rolada. Entre os máis asañadizos atopábase a rula.

Eran moi abundantes os de carrizo, todos cerradiños, cun só buraco para entrar e onde o material predominante na súa confección é o musgo ou carriza. Paporroibos, pequenos xiríns, verderolos de tan fermoso canto, escribidoras cos seus riscados ovos, os moi comúns e abondosos de pardais, lavandeiras de elegante camiñar polas leiras recentemente labradas, figuraban entre as nosa decubertas no que se refería aos paxaros de menor tamaño. Merlo -moi amigos das cereixas-, rula, paspallás, estorniño, pega, ouriolo... compoñían a fauna dos de tamaño mediano. Sendo os de corvo, torcaza e algunhas variedades de rapaces diúrnas como: falcón, miñato -que era mester ter de ollo se a galiña paseaba aos seus pitos- e nocturnas como o moucho ou a curuxa, formaban o elenco dos de maior tamaño e dos máis difíciles de atopar e de acceder.

Non teño datos, mais aventúrome a pensar que -polos anos que como docente pasei a carón de cativos, tanto en escolas rurais como urbanas, e tendo en conta as súas conversas- esta bonita, apaixoante, lúdica e moi enriquecedora actividade -cando menos para coñecer vocabulario, vida e costumes, beneficios e prexuízos, aledarnos cos seus trilos e asombrarnos coa súa laboriosidade e organización no referente á construcion dos niños e as ensinanzas da súa prole, que alimentan ata moito tempo despois de comezar a voa e ter deixado o niño-, foi desaparecendo paulatinamente do lecer dos nosos rapaces.

Por iso, a nova que leo, do Colexio do Concello de Barro, espeno seu tempo de vagar.rtou en min tales lembranzas e poida que, aínda que de xeito distinto, achegue a algún cara ao coñecemento e paixón polas aves que nos son propias, a pesar de que xa non cheguen a formar parte dos seus enredos e non ocupen un espazo 

2/02/2017

rafadcg@r.gal