POLO TÁMEGA


Este verán, de 2024, acabo de facer unha pequena viaxe polas terras que baña o río Támega dende preto do seu nacemento ata a localidade portuguesa de Chaves e quero referir aquí algúns puntos que considero de interés e que podemos atopar na conca deste curso de auga.

Nace este río na Serra de San Mamede, lugar de Alberguería, preto dos 1000 metros de altitude e ten un percorrido de 145 Km., a maioría por terras portuguesas (93Km), ata a súa desembocadura no Douro, entregándolle as súas augas na localidade de Entre-os-Ríos no Concello de Penafiel. Quizais o seu nome sexa anterior aos romanos e poida que veña dun pobo denominado Tamaganos.

Ata a fronteira portuguesa, el e os seus afluentes, está catalogado dentro da Rexión Mediterránea como: Zona de especial conservación.

Atravesa, por terras da provincia de Ourense, os concellos de Laza, Verín, Monterrei, Castrelo do Val e Oimbra. E, Entre Verín e Chaves atopamos a "Ecovía do Támega" (32 Km); para desfrutar -a pé, en bicicleta ou a cabalo- do seu bosque de ribeira e da súa fauna, en especial das aves.

Visitamos Laza, concello moi coñecido polo seu ancestral entroido, o máis antigo de Galicia coas súas diferentes manifestacións: Os fachós; os peliqueiros; as cabalgatas de domingo e martes de entroido; as farrapadas na mañá do luns (trapos enchoupados en barro, en pintoresca batalla; Ese mesmo día, contra a noitiña, chega A Morena, con cabeza de touro que simula atacar ás mulleres e lanza terra con formigas rabiosas ao público; o martes, para rematar len o testamento: nel critícase todo o ocorrido no Entroio anterior.

Atravesa logo o Río que nos ocupa, Castrelo do Val, unha fermosa chaira, como o seu nome indica. Aquí, o ano 2011, un veciño da localidade atopou nunha leira da súa propiedade un petroglifo coñecido como "Estela do Guerreiro", con máis de 3000 anos de antigüidade: Contén: espada con cinto, escudo, carro, lanza e un elemento descoñecido. O viño é importante neste Val, baixo a denominación de orixe Monterrei.

Continúa o Támega para Verín, atravesando a localidade. Aquí, nosoutros visitamos, nesta ocasión, as fontes de Caldeliñas e Cabreiroá, máis a ninguén se lle escapa que Verín é denominado o Paraíso das augas minerais naturais, das que tampouco esquecemos as de Sousas ou Fontenova. Tamén cursamos visita ao Convento dos Mercedarios e á Igrexa, que contén un retablo barroco e demos un interesante paseo polo casco vello. En Verín o personaxe máis importante do entroido é o Cigarrón, que leva máscara de madeira tallada e exquisitamente decorada, con campaiñas ou chocas ao cinto e tralla para zorregar a veciños e visitantes que se atopen ao seu alcance; tamén e de moita tradición o lanzar fariña contra os visitantes.

Nesta Viaxe estivemos aloxados no Parador de turismo de Verín, un pazo típico galego, dende onde contemplamos e retratamos, unha e outra vez, o que se coñece como Castelo de Monterrei, actualmente en obras: a acrópolis máis grande e mellor conservada de Galicia. Consta de tres recintos: O castelo, O palacio dos Condes de Monterrei e a Igrexa de Santa María de Gracia. No castelo, permanecen tres elementos principais: A Torre da homenaxe, que accedemos ao seu cume, a Torre das Damas e o Patio de Armas, con escudos das diversas familia que nel moraron. A Igrexa, con bonitas e moi decoradas fachadas, mais non puidemos acceder ao seu interior nesta ocasión. Todo o conxunto, amosa unha beleza extraordinaria e da fe da importancia con que contou.

En Oímbra deixamos o fluír do Río, que se encamiña para as terras portuguesas, onde como dixemos ten a súa maior lonxitude. Proseguimos a viaxe ata a cidade portuguesa de Chaves, da que faremos referencia noutro escrito.

rafadcg@r.gal

26/07/2024