POR RIANXO
Érgome, con choiva tras os vidros, e coa nova de que media España espertou tinguida de branco neste derradeiro día de febreiro, o cal confirma un ano máis a coñecida cantiga que dende neno escoitei:
Febreiriño rabo torto
cos teus días vinte e oito,
se tiveras máis catro,
non paraba can nin gato
nin ratiño no burato.
Mentres almorzo, acoden ao meu maxín, algunas vivenzas da fermosa xornada de onte, na vila que da título a estes recordos, á que me despracei na compaña de Carmen, a miña dona, e Pili e Laureano, uns compañeiros de escapadas de lecer.
Pois ben, a media mañá, aparcabamos en Rianxo a escasos metros da Ría de Arousa e foi, nese intre, cando anunciei aos meus acompañantes, que a min confiaran a xestión de tal xornada, que nos atopabamos en terra de escritores, facéndolles saber que lera a nova de que se estaba a poñer en marcha o proxecto, "Academia Literaria de Rianxo", que consistía na transformación en Museo das casas, sitas na Rúa de Abaixo, que acolleron no seu tempo a Manuel Antonio, Castelao e Rafael Dieste.
Mentres cruzabamos a praza do Concello, camiño da Rúa de Abaixo, decatámonos de que o Consistorio estaba engalanado con pancartas alusivas a unha demanda dun Centro de Día. Acordamos facer una visita, e alí, no Salón de Plenos, fomos informados polos alí presentes da petición, dos meses que levan de encerro, das manifestacións, dos turnos, e incluso fomos testemuñas oculares dos dous colchóns que axudan a pasar a noite ás persoas deste colectivo de maiores, que xa dende o mes de xullo de 2017, veñen demandando tal ben. Asinamos a nosa solidariedade co Colectivo, despedímonos tras darlle azos e xa dende o centro da praza puidemos ler cousas como esta: "É urxente e necesario! Centro de Día xa!
De seguido visitamos a xa remodelada: "Casa Museo Manuel Antonio" O poeta do mar. Alí, o amable Guía, informounos de que está en marcha a posta tamén en valor do inmueble de Rafael Dieste, mais alertounos das dificultades e atrancos que se están a atopar, para completar o plan, coa casa de Castelao. Sería unha mágoa que tal proxecto, quedase incompleto, pois coido que, reclamo tal, sería un erro deixalo á marxe, e non poñer todo o empeño en conseguir o edificio e completar a nomeada Academia Literaria.
Á saída, e para completar a xornada de mañá e fuxir un pouco do frío norte, que sobre todo nas travesías, polas que iamos ollando o mar, facíanos estremecer, buscamos acubillo no Museo do Mar, onde repasamos, con maior ou menor dedicación temporal, os diversos andares, xa coñecidos por nós, para decontado dirixirnos ao restaurante "O Taberneiro", no peirao comercial, onde un agarimoso xantar, ollando, a entrada de barcos bateeiros a través das fiestras entre o balbordo das bandadas de gaivotas e algún que outro cormorán, nos ía devolvendo o tempero de tan fría mañá polas rúas rianxeiras.
Rematada a sobremesa, e seguindo a Rúa Rosalía de Castro, sempre á beira da Ría, en zonas de xardíns atopamos diversos monumentos: Un, dedicado ás xentes do mar, en granito policromado do escultor Francisco Escudero, que plasmou una idea de Isaac Díaz Pardo do ano 2008, loce expléndido. Outro, de Ramón Conde, colocado en 2000, cun busto en bronce, de Manuel Antonio, celebra o centenario do seu nacemento. Máis alá atopamos outro monumento de cerámica policromada, erixido en 1995 do autor Pérez Porto, conmemora as Letras galegas dese ano dedicadas ao rianxeiro Rafael Dieste. Séguelle un busto de Castelao en bronce, colocado en 1975 da autoría de José Escudero Couceiro, agasallo a Rianxo dos galegos de Uruguai. Reseñarei, por último a Rosalía pensante, que o Concello de Padrón doou a Rianxo e que conservaba una coroa de loureiro, coas cintas que rezaban -na honra de Rosalía- colocada o 24 deste mes con motivo do cento oitenta e un aniversario da súa norte.
En fin, case non caben tantas ilustres lembranzas en espazo tan reducido, pero alí están dando brillo á Vila que sabe honralos.
A nosa estancia remataría cunha visita aos restos do alcumado Castelo de Lúa, fortaleza construída por Paio Gómez Chariño, (señor de Rianxo, século XIII), destacado na conquista de Sevilla aos mouros, e cuxos restos mortais repousan no Mosteiro de San Francisco en Pontevedra.
Naturalmente que recordamos a Rianxeira cando pasamos a carón da súa ermida no centro do Pobo, mais o día non invitaba a andar descalzos pola área.
28/02/2018