ROMARÍAS SINGULARES

Cinco ataúdes en Xende (Faro de Vigo, 17/06/2019)

Na parroquia de San Paulo de Xende, no municipio pontevedrés de A Lama, venérase, o domingo anterior á festividade da Institución da Eucaristía (Corpus), o Cristo da Agonía, tamén coñecido, como o Santuario do Cristo de Xende. Non me lembro de asistir en ningunha ocasión á festividade, máis si recordo que na casa de meus pais se falaba de cando fomos ao Cristo de Xende, ou á Franqueira, ou ao Anxo da Garda no Cádavo..., incluíndome a min nesas peregrinacións; como digo non me lembro de asistir o día da romaría, mais, de certo, que estiven en varias ocasións no Templo e nos seus arredores.

A fermosa igrexa, custodia esta talla, século XVIII, do Santo Cristo, que se supón pertenceu ao Mosteiro de Santo Domingo de Pontevedra, do que conservamos unha pequenas ruínas, pegadas ao Instituto no que estudei, que forman parte do Museo Provincial. Nos arredores do Templo un Vía Crucis, obra do mestre canteiro Manuel González Perdiz (Covelo 1833- 1905), que ten o seu inicio ao pé dunha cova que gorece unha pequena imaxe e o seu remate nun bonito cruceiro que se abriga cun templete correspondéndose coa estación número 12 do Vía Crucis. A Casa Rectoral e unha fonte na Praza fronte á Igrexa e dous cercanos petos de ánimas ornan os seu conxunto.

Mais, o que realmente me sorprendeu, nova que descoñecía, foi o feito de que na procesión do Santo Cristo, procesionaran catro adultos e unha crianza nos seus correspondentes ataúdes para suplicar favores ou agradecer os concedidos...,toda a comitiva acompañados da Banda de Música, repicar de campás, estralar de foguetes, acompañamento de bandeiras, estandartes e imaxes que doutras parroquias acompañan neste día, romeiros portando velas..., para ao final, e antes de entrar no Templo a imaxe do Santo Cristo ser sometida, a un ritual a carón da porta principal, facéndoa xirar, moi lentamente como se dun baile se tratase, mentres dende o campanario voan milleiros de pétalos e de cando en vez os asistentes rompen en aplausos..., cerimonia que remata co seu regreso ao interior da Igrexa.

Decontado, me lembrei de Santa Marta de Ribarteme, no Concello das Neves, santuario que coñecín hai poucos meses, pero tampouco asistín no día da Romaría. Aquí venerábase a Santa Marta, nunha pequena ermida, que máis tarde se transformou en igrexa parroquial, baixo a advocación de San Xosé de Ribarteme e na que se segue a celebrar esta festa, de "Santa Marta", en agradecemento á irmá de Lázaro que é protectora dos desauciados que superaron o máis difícil trance. Tamén aquí os ofrecidos asisten á procesión dentro dos ataúdes, que poden eles aportar ou que xa posúe o santuario. Téñense referencias destes feitos, dende 1700, mais algúns remóntanos á Idade Media. Acoden o 29 de xullo aqueles que viron a morte, aqueles que piden que se cure algún vivo, ou ben, para dar grazas por ter superado unha enfermidade... Algunhas referencias atopámolas en: Compendio de romarías de Victor Lis Quibén. Tamén no libro de Camilo Xosé Cela, "Do Miño ao Bidasoa", capítulo primeiro, titulado: O Vagabundo, peregrino en Santa Marta:

Virxe Santa Marta

estrela do norte,

que lle deu a vida

ao que estivo á morte.

Ou en Otero Pedraio que incluiu, a Romaría, na súa Historia de Galicia.

Unha imaxe pétrea, a tamaño natural, de Santa Marta, pódese contemplar nas inmediacións do Santuario, obra dun escultor holandés.

De seguido evoquei a "procesión das mortallas" ou de Xesús Nazareno, na Poboa do Caramiñal (Coruña), onde os penitentes portan féretros, neste caso baleiros, dende a Igrexa ao Castelo en agradecemento por ser curados dalgunha enfermidade. Esta festa, que se remonta ao século XV, está catalogada como de Interés turístico de Galicia.

En fin, son as romerías que lembro con esta particularidade. Vivir para ver ou, para non saír do pasmo en pleno século XXI. Disque a fe move montañas.

rafadcg@r.gal

17/06/2019