SALVATERRA DE MIÑO(1974-75)

Algúns días despois de rematado o Servizo Militar, na segunda quincena de xullo, fixen a presentación na Delegación de Educación, en Pontevedra, para comunicar a finalización da milicia e solicitar a inclusión nas listas de contratación para Profesores de E.X.B. As listas, para contratos, eran moi extensas, debido a levar varios anos sen ser convocadas oposicións ao corpo de mestres e por coincidir con anos dunha elevada tasa demográfica que demandaba un alto número de contratacións, por exceso de matrícula, nos Centros Educativos da Provincia.

Pois ben, sen saber o "como" nin o "porqué", así funcionaban as cousas naqueles derradeiros anos do franquismo, recibín un telegrama no meu domicilio, en Carballedo-Cotobade, no que se me comunicaba o nomeamento, como funcionario interino do corpo especial de Profesores de E.X.B. e inscrito no Rexistro de Persoal co nº I45EC40369, engadindo o día, 16/09/1974, como data para tomar posesión na Delegación do destino que se me confire en: Castillo-Salvaterra de Miño, por aqueles intres, Colexio Infante Felipe de Borbón.

Tras o impacto da nova cumpría facer un estado da situación, que se aveciñaba, para aviar a estancia deste curso, na fronteiriza capital do Condado, da mellor maneira posible.

Entre as vantaxes do destino citarei:

-Era un posto por exceso de matricula, o que supoñía destino consolidado ata o próximo setembro.

-Posuía estación de Ferrocarril, polo que me podía achegar por tren a Pontevedra e dende alí en coche de liña a Carballedo.

Sobre os inconvenientes apuntarei:

-A dificultade que supuña o non poder entrenar co ANDURIÑA, equipo de fútbol do Grove, polo que acababa de fichar e que militaba, por aquel entón, na denominada Rexional Preferente, con desprazamentos por toda Galicia.

-O atranco para poder incorporarse os luns ao Centro no comenzo do horario escolar -9:30 da mañá-.

A dificultade, arranxouse, cunha chamada telefónica do Presidente do Anduriña ao seu homónimo do Salvaterra S.D., e así todos os martes e xoves, logo do remate das clases de tarde, adestraba co equipo da localidade. Agora ben, se non era o mesmo que adestrar cos propios compañeiros, no Monte da Vila, baixo a supervisión do adestrador "Moya", polo menos seguía adiante coa preparación e puiden participar en bastantes partidos da tempada.

O atranco, resolveuse, por un golpe de fortuna e de xeito inesperado, ao ter, miña nai, Olga, coñecemento de que un home do barrio de Paraños en Carballedo, Elías do Reconco, traballaba como encargado, nuhas graveiras a carón do Miño, na mesma Salvaterra. Desta, afortunada, maneira quedou resolta a viaxe dos luns, se ben o madrugón, logo da xornada deportiva do domingo quedou asegurado pois ao comezar -Elías- a xornada laboral ás oito horas, a saída, dende diante do garaxe do Coche que facía o percorrido Carballedo-Vigo, tiña lugar ás 6h 30 minutos, lugar dende o que, un luns si e outro tamén, con xeada, choiva e sempre frío, agardaba polo R-8 do meu anxo salvador. O regreso, os fins de semana, facíao os venres por vía férrea (Salvaterra-Redondela-Pontevedra) e dende aquí, por estrada, ata Carballedo coa Empresa Emilio García, total 3 horas 45 minutos.

Unha vez dixerida a nova situación e co nomeamento no peto, presenteime no Centro, onde fun recibido pola Directora, que por máis que trato de facer memoria non son quen de lembrarme do seu nome, tendo, posteriormente, que tomar posesión da praza adxudicada ante a Xunta Local de Educación, segundo consta no reverso do nomeamento.

Arranxados os trámites docentes, pedín información dos hostais, pensións..., que percorrín con pouco ou ningún éxito, pois nese momento non dispuñan de habitacións..., de volta ao Colexio comentei o resultado das miñas indagacións co conserxe, persoa da que tampouco lembro o nome, e este, ben informado e de grande utilidade, como a maioría dos que coñecín no meu longo vagar polos colexios da provincia de Pontevedra, faloume da Cociñeira do Centro, que nunha casa, no mesmo eirado da súa, alugaba habitacións; unha vez que me presentou á Señora Catalina, esta axiña me explicou as condicións da alcoba, ademais acordei con ela as ceas e o almorzo, pois o xantar facíao no comedor do Centro Educativo.

A casa da Señora Catalina, mellor dito o portalón de entrada, que daba acceso ao eirado cuberto por unha parra, atopábase a escasos metros da vía férrea, co que tiven un tempo de adaptación as fortes vibracións e á acústica que o balbordo dos trens producían co seu paso; fose como fose, non preguntei por máis aloxamento na Vila e o curso (1974-75) paseino, de pousada, nesa vivenda, dende a que vía fluír as augas do Miño, camiño de Tui e da desbocadura en A Garda, servindo de raia, como por alí a chamaban, entre Portugal e España; Río que nos proporcionaba, moitas mañás, unha mesta néboa que non deixaba ver un burro a catro pasos e que se disipaba, minuto arriba ou abaixo, sobre as doce da máñá, acostumando a dar paso a unha radiante xornada.

Coa poboación de Monzón, na outra orela do Río, que viña de deixar a dictadura o 14 de abril dese ano 1974 coa denominada Revolución dos Caraveis, unha das actividades era cruzar pola fronteira fluvial en barca por aqueles anos, cousa que fixen nalgunha ocasión, na compañía dalgúns docentes do Centro, algúns mércores, logo da clase de tarde, que era o meu día libre. Era moi frecuente atopar portugueses en Salvaterra do Miño como usual atopar españois en Monzón.

Tamén oín Falar, aínda que non demasiado, do chamado "contrabando", comercio ilegal, sobre todo, de café, e digo non demasiado pois as xentes amosaban pouca disposición a comentar sobre o tema. Así e todo os anos do estraperlo xa iniciaran a decadencia.

Souben tamén da pesca da lamprea, coñecín as chamadas pesqueiras do Miño e o seu funcionamento e asistín, invitado algunha noite, a unha das pontes de madeira, sobre o río Tea, mais no tempo que Eu estiven presente, que tampouco foi demasiado, non se produciu ningunha captura. Da lamprea, si podo dicir que a ceei, cociñada pola miña pousadeira, algúns días, pero non son do grupo de persoas que se entusiasman con ela.

Tamén coñecín e degustei o denominado viño do Condado, nalgunhas adegas ás que eramos invitados e souben e asistín á Festa dese viño, outra das alfaias da Comarca.

Lembro, con moito afecto, ese primeiro destino pola boa acollida que tiven entre os compañeiros da docencia e tamén cos xogadores do Salvaterra cos que departía, martes e xoves, logo dos entrenos nalgún dos bares do pobo. Agora ben, a miña integración non foi plena debido a que as fins de semana ou nas vacacións ausentábame.

Cando, agora, paso por alí, camiño de Portugal, atravesando a ponte que une as dúas poboacións dende 1995, -lémbrome do paso fronteirizo que eu coñecín, en barca ata 1985 e do transbordador dende esta data ata o Nadal de 1994 en que foi arrastrado por unha enchente ata Tui-, sempre fago unha parada, paseo pola Vila, achégome ata a zona da Igrexa, Concello e Castelo, ollo para a ponte, visito a Estación onde tantos venres subín ao tren con destino a Pontevedra, achégome ata o portalón da casa onde morei, paso a carón do Colexio, espántome co desenrolo urbano que dende aquel ano tivo a Vila e lémbrome das vivencias que alí atesourei, aquel curso 1974-75, e que camiñaron comigo, no meu caletre, ata este momento no que as poño por escrito.

2/02/2022

rafadcg@r.gal