SAN ROQUE
No Concello de Cerdedo-Cotobade, dúas parroquias veneran a este santo: Carballedo no barrio da A Chan e Borela no lugar de Pazos.
Na Capela de San Roque, en Carballedo, hónrase o domingo seguinte ao 16 de agosto (día do seu falecemento), ou o 16 se coincide en domingo a este Santo peregrino, para que nos libre das pestes e dos males, como se canta durante o seu novenario. Represéntase a San Roque con vestimenta de peregrino, con bordón, sombreiro e capa, cunha ferida nunha perna e acompañado dun can, ademais doutros atributos como: o pan, o anxo, o caxato, a cabeza, a cuncha de vieira símbolo dos peregrinos a Compostela, a chaga ou úlcera, o casco, a coroa ...
Ao día seguinte de honrar a San Roque, luns, na mesma capela, celébrase a festividade do glorioso San Antón, pedíndolle ao longo do seu novenario que rogue polos pecadores. Ambos días saen en procesión, os Santos ata o Campo da festa, situado nas inmediacións da ermita, acompañados polos devotos e os mordomos ou ramistas (as dúas parellas máis antigas que se casaron na parroquia) da festa dese ano, que portarán un ramo de loureiro, ornado con diferentes motivos, simbolo que entregarán aos vigairos do vindeiro ano, emblema co que darán unha volta derredor da Capela, acompañados dos ramistas saíntes e baixo os harmónicos acordes da banda de música.
A capela, de moi boa cantería, con tribuna, con vans laterais, cun fermoso e alto campanario con pináculos, alberga un retablo de madeira que loce maxestoso. Moi preto, un sinxelo cruceiro anuncia a proximidade da ermida.
A ermida de San Roque de Pazos de Borela, situada non lonxe da marxe esquerda do río Almofrei, que flúe por esa valgada, amósasenos nun alto, grande, altiva e solemne, lucindo unha boa cantería.
O 16 de agosto de cada ano engalánae para honrar a este santo Peregrino.
Un pequeno cruceiro, moi sinxelo e modesto, no recinto, fronte á fachada da entrada principal, ten como basa unha soa lousa cadrada, o seu fuste cilíndrico sen ninguha ornamentación e sobre o que se asenta un chapitel cadrado, algo máis traballado pero tamén moi simple e sobre o que señorea unha cruz sen ningunha pretension ornamental.
Nun costado, da capela, dúas pequenas fiestras e unha pequena porta lateral. Na cabeceira principal de entrada, enriba da porta, un van circular que aporta luminosidade ao seu interior chama a nosa atención; un campanil moi sinxelo, señoreado por unha cruz engádelle esvelteza á construción. A cuberta é de tella plana a dúas augas. Descoñezo o interior desta ermida, seguramente haberá que visitala algún 16 de agosto...
Reparo moito, non sen sorpresa, na devoción que este Santo amosa neste Concello, xa que estas dúas parroquias están moi preto unha da outra e as dúas celebran a San Roque como un santo avogoso para facer fronte á peste e aos males.
rafadcg@r.gal
11/01/2025