SESENTA E CINCO ANIVERSARIO

A Asociación de Cultura e Arte Santa Cecilia de Marín celebrou, neste día, un acto, cunha dobre finalidade: Por unha banda, inaugurar unha nova sede, logo de ter que abandonar aquel soto, da Rúa Caracol, que a acollera dende a súa fundación en 1952 e que perdurará, con seguranza, na lembranza de moitos socios e veciños por varios lustros. Este novo local, sito na Rúa do Forno número 42 baixo, digno, mais insuficiente a todas luces, para desenvolver o inxente labor, cultural e dinamizador, que a Asociación aporta á Vila; Este traslado non debe de conformarnos, senón que debemos seguir na procura de achegarnos a unhas instalacións máis acordes, e totalmente operativas, non deténdonos ata conseguilas, pois sería unha gran perda cultural para o pobo o non poder contar coas actividades que tal Institución promove.

Por outra banda, conmemorar os sesenta e cinco anos que de andaina leva, xogando un papel, ao meu entender, moi notable, como referente no decorrer da vida dos marinenses, a pesar dos altos e baixos que, moitas veces, as circunstancias dos tempos nos impoñen.

Aproveitouse este aniversario, para render unha merecida homenaxe á pintora e gran colaboradora da Asociación, Anxeles Iglesias, que recolleu o testigo doutro gran mestre: o pintor, tamén de Marín, Manuel Torres. Anxeles, "Geluca", como a coñecemos, de xeito altruísta e ao longo de doce anos, iniciou a moitos rapaces e rapazas no debuxo e na pintura, aquí no Ateneo, deixando a súa pegada nesa ampla lista de educandos marinenses que deron os primeiros pasos da súa man.

No novo local, colgando das súas paredes, unha representativa mostra da obra de Geluca, onde non faltaban os pallasos, retratos, bodegóns etc., e, totalmente ateigado de público: socios, amigos, familiares, compañeiros pintores, (algúns chegados ata de fóra de Galicia), abriu o acto, o actual Presidente do Ateneo Lois González Dopazo quen deu as grazas pola asistencia, explicou os derradeiros meses da Institución e expuxo os motivos, xa apuntados, da homenaxe a Anxeles, á que dirixiu unhas garimosas palabras. Tamén se dirixiu á Alcaldesa no senso de involucrala na senda de obter un mellor recinto, no que poidan ter cabida todas as actividades que o Ateneo desenvolve ao longo do ano: conferencias, presentacións de libros, talleres, exposicions ensaios, concursos literarios, maios, enterro da sardiña... Por citar algunhas das moitas actividades culturais que dende ela se programan.

De seguido, o profesor e pintor Antón Sobral, fillo da homenaxeada, agradeceu a presenza aos asistentes e pronunciou unhas breves, cariñosas e sentidas palabras á súa nai. Ela, coa emoción na súa face, cuns ollos que chispeaban de ledicia, uns beizos trementes que por momentos entrecortaban a voz, díxonos que se atopaba moi leda neste reencontro, con tanta xente aquí: familia, amigos, coñecidos, veciños, compañeiros... e, que sería unha xornada que non esquecería, repetindo varias veces, grazas, moitas grazas, grazas a todos... Entre unha prolongada e sonora ovación dos presentes.

Durante o seu turno de palabra a señora Alcaldesa, María Ramallo, gabou a figura da Pintora, poñendo especial énfase na sensibilidade da artista, reflectida na súa obra, na que proxecta a súa humildade, o seu bo caracter e a súa forma de ser. Recolleu as insinuacións do Presidente, acerca do local, e rematou cun abrazo á homenaxeada.

Como final de festa, o cantautor, Manuel Míguez obsequiounos cunha serie de interpretacións, algo minguadas pola mala acústica da sala, mais compensado polo bo ambiente da xuntanza en acto tan tenro, cordial e amoroso.


rafadcg@r.gal

6/11/2017