TAN PRETO, TAN LONXE (1)

           a chegada da ponte sobre o estreito de Rande, viaxando pola autoestrada, parecía que se situaban a carón do Concello de Redondela. O degoiro de visitalas reviviu ese día, ata tal extremo, que a miña Dona Carmen, falou de que non debería pasar este verán sen que as coñeceramos. Había que buscar a ocasión, tomar a decisión e facela viaxe realidade. Tal feito foi consumado o sábado 12 de agosto, con saída dende o Museo de Meirande (Rande), a bordo do catamarán, Babuxa, de Cruceiros Angel S. L.

Unha vez que embarcamos, navegamos, en sentido oposto, para poder admirar a monumental ponte, sobre o estreito de Rande, agora en obras de ampliación de dous novos carris; no intre de pasar por debaixo fomos informados, a través da megafonía, das súas características: ano de construción, custo no seu día, número de vehículos que a usan diariamente etc. No mes de san Xoán, e dende a praia de Cesantes, volvemos contemplar, outra vez máis, estas illas unidas por unha ponte de pedra. Illas, que xa dende a infancia, de viaxe dende Pontevedra a Redondela, camiño de Vigo, semellaban estar máis preto de Vilaboa; logo d

Decontado comezamos a virar á esquerda para, mediante un ángulo de cento oitenta graos, desandar o camiño percorrido, pasar de novo diante do molle de embarque e seguir esa línea de costa con Redondela e Cesantes, como referencia, ao fondo. Polos altofalantes íasenos informando do que a estribor podiamos divisar: Axiña sucamos preto de Porto Vieira, empresa con peirao propio, que forma parte do Grupo Eduardo Vieira e que presta servizos de almacenamento, loxística e frigorífico de peixe dende 1975. Descomunais os guindastres que escoltan o porto, de carga de pedras, que decontino observamos. A Guía, falounos dos chocos de Redondela, localidade que albiscabamos ao fondo. Un pouco máis adiante deixamos, á babor, un cruceiro, erguido sobre unhas rochas -que conmemora un naufraxio-, e á nosa dereita un grupo escultórico que homenaxea ao Capitán Nemo, do libro vinte mil leguas de viaxe submariña de Xulio Verne, no que o francés, adica un capítulo aos tesouros dos barcos afundidos tras a batalla de Rande nesta ensenada. Ao pouco xiramos derredor da illa de San Antón para atracar nun dos peiraos que miran a Vilaboa.

A tarde, de verán, invitaba ao paseo marítimo que agora deixabamos, para de seguido comezar a visita guiada a tal paraíso. Unha vez en terra, o grupo que contaba con dúas guías dividiuse para que o percorrido fose máis operativo.

Nós comezamos diante do monumento erixido na memoria dos trovadores medievais da Ría de Vigo: Mendiño, Xohán de Cangas e Martín Códax. Aí non puiden deixar de recordar o punto de arranque da nosa literatura, para uns intres máis adiante ao entrar na Ermida de San Simón, totalmente baleira, soamente coa imaxe do Santo, mutilado de brazos, evocar a única cantiga que coñecemos do descoñecido Mendiño, do que só sabemos que debeu de nacer e vivir nalgún punto da Ría de Vigo alá polo século XIII, e que comeza así:

Sedíame eu na ermida de San Simón

e cercáronme as ondas que grandes son;

eu atendendo ao meu amigo,

eu atendendo ao meu amigo!

Os meus pensamentos foron desviados polas palabras da Guía, cando nos amentou que o Santo, quedara en tal estado, logo do asalto dos corsarios de Drake no Século XVI e que tamén presenciou a batalla de Rande nos primeiros anos do Século XVIII. Da ermida saímos ao "Paseo dos Buxos", o máis antigo de Europa con máis de doucentos anos; falounos das bondades desta madeira, de crecemento lento, dura e doada de traballar e nomeou: gaitas, trompos e zocas, entre outros fins, como destinatarios de tal alfaia. Eu evoquei a Neira Vilas e o seu libro: "O cabaliño de Buxo". Tampouco me esquecín de Ruliño...

12/08/2017

rafadcg@r.gal