TEMPOS DE SECA

Algunhas nubes, aínda altas, comezan, mainamente, a empedrar o ceo. As gaivotas e as pombas, que estou a ollar a través da fiestra, semellan moito máis acougadas ca noutras xornadas a esta mesma hora, máis quedas, menos brincadeiras con menos algarabía, permanecendo como pasmadas nos beirados dos tellados, algunha pomba de tan estática parece colocada para adornar. Pola contra, os pardais, en bandadas, voan e voan inquedos, enchendo o ar de trilos amoreados, camiño dos campos, logo de pasar a noite nuns plataneiros próximos.

A seca, segue a ser pertinaz, pasada xa a festividade do Pilar. Os incendios, da Comunidade, son noticia a diario nos medios de comunicación. A mañá, sen brisa, calma, pesada. As árbores e algúns viñedos, que ao lonxe albisco, tras os vidros, mudando a cores parduscas, amosan o mesmo acougo, quizais agardando o anunciado paso dunha fronte, que rozará Galicia pola súa banda máis occidental.

Levo un anaco, diante do ordenador, ollando pola ventá, sen azos para acendelo. Creo que non o vou facer, esperto das cavilacións e decido saír a camiñar, cheira a fume..., acaso a agardada choiva, da tarde, non mo permita. Unha vez na rúa, cuberta a cabeza pola gorra con viseira, de cortiza, mercada na cidade lusa de Évora, arrodeo o Inferniño, enlazo co antigo camiño da Igrexa de Marín ao Cemiterio, e case sen darme conta, atópome, divisando á miña esquerda, o Colexio de A Laxe.

Asaltáronme os recordos, que xa me acompañaron en todo o paseo: aquí, neste Centro de ensino, cousas do destino, comecei a miña andadura polos vieiros da ensinanza o curso 1971- 72 e remateina, hai xa seis cursos, en agosto de 2011.

A eses corenta anos de maxisterio fixen referencia, cando no derradeiro claustro, o día 21 de xuño de 2011, logo dunhas palabras do Director dirixidas aos tres mestres que ese curso pasabamos a clases pasivas, con estas palabras: "Centros, alumnos, compañeiros, libros, programacións, ilusións, frustracións, concursos de traslados, claustros, consellos escolares, avaliacións, interino, contratado, provisional, definitivo, ensino privado, ensino publico, administración, ampas, cargos directivos etc.

Son demasiadas variables para facer un rápido balance da vida profesional deste mestre que hoxe se despide.

A día de hoxe, quédome coa satisfacción de poder acadar o remate desta etapa pola que pasei tratando de cumprir o mellor que souben.

Quixera personalizar en vosoutros, e dende aquí agradecer a todos os compañeiros que ao longo destes corenta anos de vida profesional, en máis de vinte Centros, me axudaron neste tránsito.

A todos eles e a vosoutros, grazas por todo."

As conclusións, coa ollada destes anos de repouso, que chego a facer desa etapa laboral, son de: un periodo moi positivo, altamente gratificante do que é o noso paso pola vida. Con intres, naturalmente baixos..., mais tamén con recompensas enriquecedoras aportadas polo trato con tantos alumnos, compañeiros e pais.

Todo isto pasou polo meu caletre no pequeno intervalo de arrodear o Centro e regresar pola Rúa República Arxentina, camiño do fogar.

Esa tarde-noite de calor abafante, converteuse nun inferno de fogo. Os incendios forestais asolaron Galicia, norte de Portugal, Asturias e León; incluso con perdas de vidas humanas. En moitos lugares vivíronse momentos de moita angustia e perigo. O ambiente facíase irrespirable... Que xornada máis funesta! Son as cousas que ten a seca. Estará detrás a man do home? Estaremos a facer unha política forestal axeitada?... Estas e outras interrogantes están pendentes dunha resposta. Mentres tanto agardemos pola choiva, que se anuncia para esta noite, ao menos na costa, e nos libere de tal afogo e desasosego.

Acaso as aves, que me fan compaña a través da fiestra, ventaban algo raro e amosábano co seu estraño comportamento xa nas primeiras horas da mañá? Talvez.


rafadcg@r.gal

15/10/2017