TRADUCIÓNS

Dende setembro de 2011, ano no que me xubilo, incorporei ao meu tempo de lecer unha nova actividade: as traducións ao galego.

Para que traducir? -Cando comezo non teño fin concreto. Logo me decato de que resulta distraído e que quizais, algún día, estes traballos poidan aportar algo.

Por que traducir ao galego? -Pois, porque de canto máis material se dispoña mellor. Nunca estará de máis.

Por que estes autores? -Son galegos.

-O plus de cercanía fai que sintamos máis interese.

-A influencia galega nas súas obras é patente.

Seguramente se non escribiron na nosa Lingua foi debido a un problema de mercado, xa que:

-O castelán abarca moita máis poboación. O mercado galego, aínda minguado a día de hoxe, moito máis o era na época destes escritores.

-Os escritores precisan vivir.

-O castelán proporcionáballe moita máis universalidade.

-Non existen normas para a escrita. Cela, empeñado en deixar unha obra súa traducida ao galego, encarga a Vicente Risco a tradución de "A familia de Pascual Duarte", co pensamento de que o galego de Ourense ou de Lugo era mellor, poño por caso, que o da franxa Atlántica.

Pois ben, un día decido reler: "Do Miño ao Bidasoa" de Camilo Xosé Cela, acompaño a lectura coa película, que atopo en TV á carta, e cando remato, xorde en min a idea de que aquilo non quedaría mal en galego e, acordo, un pouco por probar, comezar a traducir, e sen matinar moito máis, decontado estou inmerso no mundo de Dupont e do Vagabundo. Acado o final, gárdoa no ordenador e pásoa a papel.

De seguido enlazo con outro libro, tamén de Don Camilo e tamén de viaxes, e nunca mellor dito: "A viaxe á Alcarria", co que sigo os mesmos pasos ca o anterior.

Feito xa algo de Cela, decido mudar de autor e síntome atraído por Valle -Inclán, outro galego de moita barba e non pouca sona. Matino: As Sonatas son catro, se me canso na primeira non sigo adiante..., argallei; xa non lembro a orde en que as traballei, mais como di o autor: Estes fragmentos das "Memorias amables", que xa moi vello comezou a escribir na emigración o Marqués de Bradomín, axiña estiveron na nosa Lingua.

Cando transitaba por tales historias, un día, de visita na Fundación Camilo Xosé Cela en Iria Flavia, corría o ano 2016 e celebrábase o Centenario do nacemento de Don Camilo, a amable Guía, que nos acompañaba, parouse diante dun moble expositor que contiña o libro "A familia de Pascual Duarte", con todas as súas edicións, máis todas as traducións que dela se fixeron a outras linguas. Tamén figuraba a versión que ao galego fixo no seu día Don Vicente Risco, por encargo do propio Cela. Neste intre, pasou polo meu maxín a idea de que outros expositores que non contaban coa versión ao galego, puidesen contar con ela, -coa miña-. E debo manifestar que, con moita timidez, pasei a contarlle o das miñas traducións, que un tempo despois quedaron alí en depósito, e feita a solicitude de doazón á Xunta de Galicia, titular na actualidade de tan magnífica Fundación. En palabras de Darío Villanueva (actual Presidente da Real Academia Española) unha das mellores do mundo.

Mentres isto acontece, traduzo: "Filomeno ao meu pesar" de Don Gonzalo Torrente Ballester, Premio Planeta o ano 1998, que tamén cedo en doazón á súa Fundación, Na Rúa do Villar en Santiago de Compostela e incorporo un novo enredo á miña vida: unha producción de relatos curtos que vou agrupando por anos e baixo o título de "Facendo Camiño".

En 2017, as Sonatas, logo de acadar os 80 anos do pasamento do autor e prescribir os dereitos de autor, doeinas á Real Academia da Lingua Galega.

A estas ocupacións seguiron os "Contos de Marineda" de Emilia Pardo Bazán, xa rematados e "Xardín sombrío" de Valle-Inclán, que me ocupa a día de hoxe.


rafadcg@r.gal

25/08/2018