TREINTA E SEIS ANIVERSARIO


Soaban as badaladas das dezasete horas, daquel invernal vinte e tres de Nadal, cando, na compaña dunha descomunal tronada, fíxemos a entrada na Igrexa parroquial da Virxe do Camiño en Pontevedra: Carmen, do brazo de seu pai, Benito e Eu, acompañado de Olga, miña nai, para celebrar a cerimonia relixiosa da Nosa Voda.

Hoxe, aínda ben non espertei, recordei a data e acudiron ao meu maxín, dende o fardeliño que as acolle, algunhas lembranzas de día tan sinalado: reparei na celeridade do tempo, nos devezos, afáns, ilusións e tamén nos desencantos ou chascos que se materializaron ou fustraron nestes trinta e seis anos, nas arelas que se quedaron no tinteiro ou aínda permanecen na recámara pendentes da súa eclosión... Algúns, quizais xa perderon a primavera, outros, pola contra, acaso poidan aínda abrollar... Quen o sabe? Cada froito ten o seu tempo de sementeira e de recolleita, así por esa orde... mais sen a primeira escasa será a segunda...

Repasei, con brevidade os recordos de data tan sinalada: a cerimonia relixiosa, a nosa reporteira gráfica de voda Salud, irmá de Carmen, as persoas da familia que nos acompañaron, aquelas que estando presentes xa non están con nós, os amigos, a posterior merenda cos familiares -país, irmáns e parellas- no piso da Rúa Eiriña nº 1, 1ºB en Pontevedra... Evoquei axiña a canción "Como pasaron os anos"...

Mención especial, quero facer, dos amigos de ambolos dous, que sen ser convidados, quixeron acompañarnos de xeito espontáneo en tal tarde nos actos relixiosos, felicitarnos e desexarnos o mellor e do que uns retratos ao remate, nas escaleiras do Templo, deixaron constancia de tal feito. Para todos eles a miña gratitude por acompañarnos nesa data e por seguir gozando da súa amizade trinta e seis anos despois.

Alí, na escalinata da Igrexa, cando o lusco fusco ía deixando paso á noite e coa tronada algo máis afastada, outra fotografía cos familiares máis achegados, que agora repaso: pais, irmáns, sobriños servía de colofón aos actos relixiosos. Observo o retrato e lémbrome especialmente dos que xa non son deste mundo: Os padriños, meu pai Xosé -que foi o primeiro en deixarnos-, os cuñados: Pepe e Antonio..., o transcorrer da vida que non se detén e vai queimando as súas etapas: a neneza, a mocidade, a madureza e a ancianidade, todas elas no mellor dos escenarios, como un camino predeterminado e no que algúns acadan a meta e outros só chegan ata onde o seu destino determina.

De seguido, matino na chegada da nosa única filla, Cecilia, quince meses máis tarde, que coa súa minusvalía converteuse no centro neurálxico e de atención deses anos de matrimonio que levamos sumados. Que sería de nós sen esta alfaia?, sen a súa cándida ollada?, sen o seu cariño?, ..., por uns intres quedo a matinar e acode a min a dúbida de quen aporta máis: Nós a Cecilia ou Cecilia a nós? Logo saio de dúbidas, sen medo a errar: Cecilia a Nós.

Pola noite, como viñemos facendo todos os vintetrés de decembro dende esa data, celebraremos este novo aniversario cunha cea especial na casa..., brindaremos co máis común dos ditos: "De hoxe nun ano" e logo pediremos.

E como mañá será O día de Noiteboa, desexar moita felicidade e paz para toda a humanidade.


rafadcg@r.gal

23/12/2019