UN CASTRO

Á entrada de Carballedo un indicador anuncia: ALTO DA CRUZ DO CASTRO. Comento con Carmen os anos que levo sen achegarme a tal promontorio, talvez uns cincuenta; ela, non estivo nunca e, manifesta a súa arela de coñecelo, mentres nos diriximos ao cemiterio, preto do barrio de Sión. Rematada a visita ao camposanto, xa no vello ford, e en tarde tan apracible, tomamos a decisión de subir.

De camiño, xa na aldea da Igrexa, ao lado da parroquial de San Miguel, aínda que fóra do adro, detivémonos un intre, para contemplar o cruceiro e tirarlle unhas fotografías. A conversa xirou agora sobre os debuxos que Castelao trazou outrora del, nun verán cando, ao menos un, alá polo primeiro terzo do século XX pasou de lecer, nunha casa do veciño barrio de Pazos, coa súa dona Virxinia "Choliña" e o seu fillo Alfonso "Chuchiño", falecido aos catorce anos.

Deseguido, atravesamos todo o lugar, acadando a última e máis elevada das súas vivendas: "O Moucho", así a lembraba e así reza nun rótulo na súa entrada. Casa que me trae á memoria o fogar de nacemento dos Barros Puente, moitos deles mestres e dispersos agora por diferentes latitudes, algún aínda con casa en Carballedo.

Aí, ten que quedar o automóbil, para continuar a pé a ascensión, seguindo por un camiño, primeiro empedrado e logo tras atopar un panel informativo, virar á dereita para ir arrodeando o cono truncado e poder acadar o cume, librándonos de toxos, fentos, carballizas e todo tipo de maleza que trata de apoderarse do vieiro. Un cartel, a medio camiño, informa da existencia dun castro prehistórico (Século VIII a.C.- Século I d.C.). e dunha ocupación tardía xunto co poboado de Silvela (finais do Século III e principios do IV d.C.)

No curuto, unha rápida inspección ocular amósanos escavacións en diferentes épocas, non moi afastadas no tempo, e lembramos o achado de máis sona: O pendente de ouro, agora conservado no Museo de Pontevedra. Un muíño de vento, xa sen aspa, mais con teito, paredes, pé e moa no seu interior, sérvenos de fondo para facer uns retratos. Moi preto un baseamento de pedra, cun buraco no medio, serviu de apoio a un cruceiro ata o que se ía en procesión para facer rogativas pedindo choiva ou para bendicir as leiras.

Dous corvos pasan voando de cara á carballeira do Rei. Neste atardecer tan claro, maino, sen vento (hoxe non moería o muíño), de ceo tan azul e co sol aínda sobre nós, mais que de seguir así é presaxio de noite de xeada; a vista que contemplamos é espectacular, fabulosa, encantadora... Á nosa esquerda as aldeas de Doade, A Braña, a Asperiña e a Cuqueira, xunto coa Chan adornan a marxe dereita do río Almofrei que forma val por esta banda; Val que foi de labranza (millo, patacas, centeo... hoxe en abandono) e máis ao seu carón de pastos para a gandería. Pola súa marxe esquerda, terreos costentos, dende as parroquias de Loureiro ata Rebordelo, cunha mesta e variada masa forestal. Aos seus pés os barrios de Silvela e Igrexa, que se prolonga ata Pazos, todos comunicados por unha vasta rede de camiños e estradas, moi aumentada logo da Concentración Parcelaria. Á nosa dereita os barrios de Trabazo e Paraños acompañan ao val dividido polo regato que verte ao Almofrei nas inmediacións da Piscifactoría. Todo este val, circundado, ao norte, polo Coto da Asperiña, Os Outeiros de Calvos, a Albagueira e a Arcela e xa polo oeste O Castelo, fan desta bisbarra unha zona pechada que busca saída natural cara Pontevedra seguindo o curso do Almofrei ata Bora.

En fin, unha fantástica tarde, de outono, nas vésperas de comezar o inverno, rematada cos ladridos dun cadelo que avisaba da presenza de forasteiros, nas proximidades do ford, aos pés da casa de "O Moucho".

rafadcg@r.gal

17/12/2016.