UN SÉCULO DESPOIS

           Onte estiven na praia de Praceres, ou no que queda dela, coa miña filla e coa miña dona. Unha praia asentada no concello de Pontevedra, camiño da veciña Vila de Marín.

Lembreime de cando Castelao, nalgún lugar o lin, acudía co seu fillo doente e oa súa dona Virxinia, dende Pontevedra onde moraba, para tomar os baños e poder mellorar a saúde do rapaz. Tentei facer un exercicio de comparación e non me resultou doado. Preto deI século afastan estas súas visitas das miñas.

De cara ao mar: A illa de Tambo, Combarro o Castrove... Ollados dende a lonxanía poden ser recoñecibles; mais, ás nosas costas, unha tremenda vía, con nó incluído, sempre ateigada de tráfico: vehículos de todo tipo, camións cargados de toradas camiño de ENCE, contedores de paso para o porto, unha vía férrea ilegal que axuda a dividir O Cabo do resto da parroquia, os recheos do porto, tamén fóra de lei, que acurtaron o mar e uns asteleiros pegados á praia que, a cada intre, se suman ao infernal barullo co seu carenado de barcos, os impoñentes guindastres de todo tipo que ornan o porto comercial, o cada vez máis decrépito porto pesqueiro, unhas augas que distan moito das que coñín cando de neno me bañei, por primeira vez no mar, no asentamento que hoxe ocupa ENCE en Lourizán... Nin Castelao podería imaxinar tal desfeita.

Quizais nos queda en común: o edificio do Colexio Sagrado Corazón, a igrexa, agora rodeada de vías, algunha gaivota, varios pardais que sobreviven, o sol, a resignación do pobo -falto de ira-, a enfermidade do seu fillo e da miña filla, a vontade de seguir adiante e a fala...

3/08/2016

rafadcg@r.gal