VAL DE LIÉBANA (2)

Seguidamente acordamos, xa de camiño a Fonte Dé, desviarnos á esquerda, para en pronunciada subida, chegar ata a aldea de Cosgalla e rendir visita a unha maxestosa estatua de don Pelayo, que segundo parece foi oriundo destes pagos. Ao borde da estrada á dereita, na entrada do pobo, protexida por un pequeno recinto, algo descuidado en tal día, cuns nogais como compañeiros encontramos ao primeiro heroe da reconquista. Deixamos constancia do encontro cuns retratos alí realizados. Tal monumento ten ali vixencia dende o mes de marzo de 2011.

Tras a curta visita a Pelayo, voltamos á estrada que nos ía conducir, sempre ascendendo ata Fonte Dé; alí cun radiante e caloroso día e cunha multitude que agardaba o turno ao pé do teleférico, para ascender ata os cumes do macizo; outros que se achegaban, cos máis cativos, ata as vacas, que sen prestar atención a tal barafunda de xente seguían ao seu , é dicir, pacer, sen preocuparse o máis mínimo dos degoiros dos turistas e das súas crianzas; uns terceiros que provistos de bastóns percorrían camiños mallados, outros daban conta do xantar nos restaurantes próximos... De nós os catro, soamente a miña dona, Carmen, decidiu completar a ascensión, no teleférico á cima, volveu moi entusiasmada e satisfeita da excursión e agasallounos, con fotos de tal experiencia. Mentres nos daba detalles, tomamos café no Parador de Turismo, nunha sala, moi sosegada e apracible, poñendo a continuación rumbo de regreso a Potes.

Xa no camiño de volta, alguén apuntou a posibilidade de achegarnos a unha das aldeas máis típicas da zona: Mogrovejo, declarada ben de interés cultura e conxunto histórico artístico; unha torre, A igrexa da Asunción, un conxunto de casas populares, unha antiga escola convertida en museo, ademais das súas vistas, suman como factores de interés. Un cartel no centro do pobo, simulando unha cinta de cine, chama a nosa atención, traducido, rezaba así: Mogrovejo un pobo de película, unha vista do pobo, Heidi de costas cun año ao seu caron e un can deitado; debaixo: Lugar: rodaxe da triloxía de películas de Heidi, de Bhava Talwar.

De regreso, en Potes, pasamos pola antiga Igrexa gótica de San Vicente (actualmente Oficina de Turismo e centro de estudos Lebaniegos Don Desiderio Gómez). Nela disfrutamos dunha moi interesante e esmerada exposición sobre instrumentos musicais, titulada: "A música dos crucenos" que aparecen nos "Comentarios da Apocalipsis" do Beato de Liébana, a mostra recollía instrumentos musicais dos séculos VIII ao XVI que acompañaban aos peregrinos como: organistrum, zanfoña, cítola, guiterna mourisca, címbalos etc. Ao seu carón a nova Igrexa de San Vicente costruída logo da Desamortización.

Ao saír da igrexa nova, no parque anexo, tropezamos cunha estatua en busto. levantado sobre unha cilíndrica columna que á súa vez é abrazada por unha moza, que parte dunha peaña pétrea. Ao seu pé unha urna con tapa de vidro, deixa ver no seu interior: Un violín co seu arco e estoxo, uns elepes, un escudo de Potes e unhas partituras. Nunha placa lemos: Jesús de Monasterio, -20 de marzo de 1836, -20 de setembro de 1903-; unha foto súa en busto e o seguinte texto entrecomillado e traducido do castelán que di, "O máis grande e lexítimo orgullo de Potes é ter sido berce do insigne Jesús de Monasterio" (Benito Pérez Galdós). Todo este pé de estatua atópase arrodeado dunas floridas plantas. Ao fondo do conxunto, ao que se sumaron para o retrato as nosas donas, luce explendida, ao traveso dun amieiro a amentada anteriormente, Igrexa vella de San Vicente.

Como remate da xornada cultural, adentramonos na Torre do Infantado, ben de interés cultural e un dos simbolos da Vila, onde puidemos gozar de varias exposicións derredor dos traballos do beato de Liebana que tiña por título "Aquí empeza todo; o cosmos do beato de Liébana", ocupa moitas salas, sendo moi interativa, e atractiva. Como colofón subimos ata azotea, lugar dende onde puidemos contemplar unhas fermosísimas vistas da localidade.

En fin, unhas xornadas culturais e de lecer que remataron ao seguinte día arrodeando o macizo polo sur, coa ascensión ao porto de San Glorio, onde un motero nos retratou no "mirador do corzo" e, un pouco máis arriba, logo de desviarnos á dereita puidemos observar o macizo dende esta vertente na compaña dun enorme oso de pedra. De seguido iniciamos o descenso, camiño do anegado Riaño.

7/09/2017

rafadcg@r.gal