VÍAS VERDES

Galicia conta a data de hoxe con dúas vías verdes en uso:

- A do río Eo, nas lindes entre Asturias e Galicia, cunha lonxitude de doce quilómetros que corresponden a un treito do percorrido do antigo tren mineiro entre San Tirso de Abres en Asturias e a estación de Villaodrid na Pontenova.

-A do Salnés, con algo máis de nove quilómetros, entre Vilagarcía de Arousa e a antiga estación de tren de Portas.

- Ademais, en proxecto, a que será a vía máis longa de Galicia, entre Compostela e Cerceda, cunha lonxitude de trinta e seis quilómetros. Tamén existe unha vía verde entre Chapela e Vigo.

Eu, percorrín a Vía Verde do Salnés, na compaña de Carmen, a miña dona, en tramos curtos de ida e volta, comezando por Vilagarcía en distintas camiñadas o pasado outono. Se ás cores amarelas da follaxe das parras, nestes últimos días de vendima, sumamos as ocres da fértil campiña e as mesturamos coas distintas gamas de verdes dos arbustos e do diverso arboredo, que acompañan este treito vial, obtemos como resultado unha agarimosa regalía p

ara a vista, que sumada á ausencia de ruídos que se respira neste espazo, só interrompida esta tranquilidade, polo ledo rechouchío dalgún paxariño que, aquí ou acolá, nos acompaña na nosa andaina e que nos serve de música para o oído, fan que o seu percorrido sexa do máis pracenteiro.

Ao longo do percorrido, paneis informativos, con iconas de camiñantes, bicicletas ou cadeiras para minusválidos, lémbrannos as normas de uso da vía en distintas linguas, onde os taboleiros traducidos a Lingua Galega son da miña autoría; existen áreas de descanso nas que podemos atopar mesas e bancos. Os taboleiros informan con moito detalle dos seguintes apartados:

. O Pazo de Rubiáns:

Atópase a carón da ruta, é posible visitalo, mais precísase de cita previa, ofrece datos sobre a súa historia, os seus xardíns: mención especial para as camelias, a adega, a capela etc.

.O antigo apeadeiro de Rubiáns:

A súa funcionalidade, a historia da vía Carril - Pontevedra (quen fixo esta vía, como era a vía, quen a inaugurou, cal foi o primeiro tren que a percorreu?)

.A ponte de ferro sobre o Río Umia:

Onde está? Como é?

Neste miradoiro Río Umia, os carteis informan sobre o discorrer deste Río, os concellos que atravesa, a súa desembocadura, as cousas de interese que podemos atopar no seu percorrido: balnearios, pazos, bodegas, xardíns, as súas lendas etc.

.A azucreira de Portas:

Con contestacións a preguntas como:

Que foi esta fábrica? Cal a súa historia? A que está dedicada na actualidade? O espazo verde que a circunda?

.A pedra rañacús:

Co uso esvarante que por ela facían os cativos noutras etapas da historia.

En fin, unha Vía que merece ser coñecida, que agardo volver a percorrer esta primavera e que xa devezo por facelo.

rafadcg@r.gal

9/04/2022