ANOS DE XUBILACIÓN

Xa se cumpriu unha década dende que o 31/08/2011, deixei o Servizo Activo, no mundo do Ensino, aos sesenta anos de idade e comecei a formar parte da familia de Clases Pasivas. Un decenio, estragado estes dous últimos anos por esta "maldita" pandemia do Covid -19, que non dá rematado, anos nos que, ademais de ter máis tempo para as atencións familiares, en particular das referidas á atención de Cecilia, empreguei moito do tempo en temas como:

-As traducións.

-A numismática: A páxina web.

-Os escritos: o blog literario.

No referente ás traducións, fun vertendo á Lingua Galega, obras de escritores galegos, que polas razóns que foran deixaron o seu legado en Lingua Castelá.

Así:

*Camilo Xosé Cela, autor nacido en Iria Flavia, Premio Alfred Nobel de literatura o ano 1989, do que pasei á nosa Lingua:

-Do Miño ao Bidasoa

-Viaxe á Alcarria

Ambas traducións doadas á súa Fundación Pública Galega en data 4 de maio de 2016.

Máis adiante traducín outras obras súas:

-Obras Completas 4: O galego e a súa cuadrilla e outros apuntes carpetovetónicos.

-A Colmea.

-Mazurca para dous mortos.

As tres obras pendentes de ser ofertadas á Fundación.

*Emilia Pardo Bazán.

-A Tribuna.

-Contos de Marineda.

As dúas obras doadas á Real Academia da Lingua Galega en data 23 de xuño de 2019.

*Ramón Del Valle-Inclán.

Sonata de Outono.

Sonata de Inverno.

Sonata de Primavera.

Sonata de Estío.

Obras doadas á Real Academia da Lingua Galega en data 5 de outubro de 2017.

-Xardín Sombrío.

Obra pendente de destino.

* Gonzalo Torrente Ballester.

-Filomeno, ao meu pesar.

Obra doada á Fundación Torrente Ballester en Santiago de Compostela.

-Compostela e o seu anxo, (último título traducido, coincidindo con este dobre Ano Santo, concedido polo Papa Francisco por motivos da pandemia.

* * *

En canto á Numismática: Referirei que sempre, xa dende neno, tiven afección polo coleccionismo: cromos de diferente temática, caixas de mixtos con diversos motivos: castelos, futbolistas, animais..., pero, pasados os primeiros anos de bacharelato, as inquietudes comezaron a ser outras e o coleccionismo entrou en letargo. Logo de 1986, coa enfermidade de Cecilia, que precisa dunha persoa sempre ao seu carón, retomei de novo esta afección polo coleccionismo, actividade que me gustaba, entretíñame e servíame, un pouco, de válvula de escape para as moitas horas que o seu acompañamento require.

Asi pois, comecei a introducirme nese apaixoado mundo do coleccionismo, que agora me levaba polo camiño das moedas. Comecei por pezas de España, logo Europa e máis tarde todos os países do mundo aos que puiden aceder. Ademais, en paralelo, comecei unha colección temática de animais: aves, mamíferos, réptiles, peixes, insectos, crustáceos, anfibios, equinodermos..., que aparecen representados en pezas monetarias de diferentes países. Para consultar a colección, podémolo facer na seguinte páxina Web: https://www.xente.mundo-r.com/rafadcg; páxina que tamén elaborei e que sigo a actualizar cada pouco tempo. Houbo que mercar catálogos, de España e máis tarde do Mundo, álbums e iniciar un traballo intenso e apaixoante que coa chegada de Internet me puxo en contacto con moitos outros afeccionados de todo o orbe. Este avance, a través da rede, facilitou, e de que xeito, os intercambios con coleccionistas de moi diversos países, que fixeron que a colección aumentase de forma exponencial, e a procura de información sobre o tema, fose moito máis doada.

* * *

No referente aos escritos e ao blog literario é un traballo, ao igual que as traducións, destes anos de xubilación. Agrúpanse baixo a denominación de FACENDO CAMIÑO 1, 2 e 3 con corenta escritos cada un, sobre temas moi variados, que teñen que ver con cousas moi achegadas á miña vida. Ademais de gardalos en papel, tamén os publico, no que denomino Blog Literario, con este enderezo:

blogliterarioporanos.webnode.es/rafadcg.

Este Blog, consta tamén dun apartado, que nomeo: VIVENCIAS MESMAMENTE, que aínda estou a elaborar e no que conto, diferentes etapas e aspectos da miña vida. Este apartado que agora remato: Anos de xubilación é un exemplo.

22/03/2022

rafadcg@r.gal