XELA ARIAS

-Sarria 1962, Vigo 2003-

No anterior escrito, do 12 deste mes de Nadal, no que comentei algúns aspectos do Pleno da RAG, sobre Carballo Calero, que seguín por vía telemática, non me pasaron inadvertidos uns apuntamentos do Presidente, Victor Fernández Freixanes, cando deixou aberta unha porta a seguir, na medida que a sociedade se involucre, apoiando actos e actuacións, en 2021, sobre a figura de don Ricardo, máis, que non cerraba a porta a que a Academia decidira sobre homenaxear a outro persoeiro en dito ano.

A resposta, non tardou en producirse, dez días máis tarde, o Pleno da Real Academia Galega, reunido este 22 de decembro, acordou que nas Letras Galegas de 2021 se homenaxeará a XELA ARIAS. Será a quinta muller homenaxeada cunhas Letras Galegas, logo de Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido, María Mariño e Mª Victoria Moreno.

Pertence, Xela, a unha xeración de poetas renovadores da poesía galega nos anos oitenta, sendo unha das voces máis destacadas en canto a esa mudanza de estilos, temas e formas. Agora ben, se seguimos a Ana Romaní, o de Arias, "É un nome que se pronuncia sen xeración". Destacou, ademais, como tradutora ao galego de moitos clásicos universais, recibindo por iso moitos galardóns e premios, así mesmo tamén sobresaiu como editora. Traballou como docente en diversos Institutos de Pontevedra e Coruña. Segundo a RAG a súa poesía, cuestiona a orde das cousas, describindo o que temos tendencia a ocultar, a esconder, a non manifestar; da procura do "EU" profundo; da afirmacion do corpo feminino; da busqueda de novos espazos para a poesía mediante a: recitación, o diálogo coa fotografía, a música ou a pintura definíndoa como unha autora: singular, transgresora, sinceira e comprometida.

A súa é unha poesía concebida como INDAGACIÓN E PREGUNTA.

En 1986, publica: "Denuncia do equilibrio", finalista do Premio Losada Diéguez.

En 1990, sae do prelo: "Tigres coma cabalos" Libro de versos e fotografías en colaboración co fotografo Xulio Gil, con quen estivo casada dende 1992 a 2002, matrimonio do que naceu Darío.

En "Darío a diario", de 1995, dedicado ao seu fillo, trata o tema da maternidade.

O seu cuarto libro, titulouno, "Intempériome", 2003, e é un exemplo de poesía transgresora.

Ademais de sesenta e dous poemas publicados en diversos medios: revistas e obras colectivas, que foron recompilados nun tomo, en 2018, co nome de "Xela Arias, poesía reunida" (1982-2004) pola profesora e crítica literaria Mª Xesús Nogueira.

Tamén fixo incursións na narrativa. E, nos anos de traballo na Editorial Xerais contribuiu á fixación das normas do galego.

Recibiu diversos homenaxes, e recoñecementos logo do seu falecemento prematuro -dun ataque cardíaco-, que tempo habera para profundar na súa vida e obra ao longo do xa próximo ano 2021. Sirva e vaia por diante este curto escrito para poñernos no camiño dun estudo profundo da súa obra na curta pero proveitosa e intensa vida que lle tocou vivir. Dispoñámonos para homenaxear, como se merece, a esta luguesa, afincada en Vigo e soterrada no cemiterio de Pereiró.

rafadcg@r.gal

22/12/2020